Homenaxe en Celanova ao guerrilleiro Ramón Yáñez, asasinado en 1943

O Comité de Memoria Histórica quere localizar familiares do combatente asasinado polo franquismo.
Celanova
photo_camera Celanova.

Os comités de memoria histórica da Comarca de Celanova e do Val do Limia homenaxearán este domingo o guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira sinalando o lugar onde foi asasinado en 1943 polas forzas franquistas: a Caseta de Ansemil, no termo municipal de Celanova.

A homenaxe decorrerá este domingo, día 14 de xullo, e na mesma haberá unha conferencia do historiador Carlos Morais no Salón de Arcos da Casa do Concello de Celanova.

Os comités convidan a veciñanza a participar da conferencia, na que Morais relatará a vida de Yáñez Pereira, emigrante en Barcelona antes da guerra, cadro comunista na clandestinidade e, finalmente, incorporado á guerrilla na zona do Laboreiro a principios dos anos corenta.

Delatado

Foi delatado en Celanova por un vello coñecido a quen lle foi pedir axuda para fuxir cara ao exilio, mais foi denunciado, emboscado e asasinado o 13 de xullo de 1943.

Segundo a documentación que recuperou Morais, Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de San Breixo en Celanova, e polo tanto o seu nome figura no memorial ás 88 vítimas da barbarie fascista que alí recibiron sepultura e que se instalará proximamente ao abeiro do Plan Estatal de Exhumacións coordinado polo Grupo Histagra da Universidade de Compostela (USC), unha vez que se obteñan os permisos da Xunta da Galiza e do Bispado de Ourense, en trámite.

Desde as asociacións memorialistas desenvolveuse este ano unha campaña de busca de familiares de Ramón Yáñez, sen resultado, polo que solicitan a colaboración da veciñanza con calquera dato sobre a familia e que se pode achegar a través do correo electrónico da entidade.

Comentarios