Tui celebra o Acto de Homenaxe ás Víctimas da Represión este 29 de xuño

O acto, que terá lugar xunto ao Monumento en homenaxe ás vítimas da represión, conmemora o 25 aniversario da inauguración desta obra do escultor Silverio Rivas.
Monumento ás vítimas da represión de Silverio Rivas.
photo_camera Monumento ás vítimas da represión de Silverio Rivas.

A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña anunciou o cambio de data do acto conmemorativo de homenaxe ás vítimas da represión, que se celebrará hoxe, 29 de xuño, ás 19 horas, na Alameda de Tui, en vez de o domingo 30 como estaba previsto desde un inicio.

O acto, que terá lugar xunto ao Monumento en homenaxe ás vítimas da represión, conmemora o 25 aniversario da inauguración desta obra do escultor Silverio Rivas. Este evento forma parte da exposición A Nosa Memoria Silenciada, unha das actividades que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña organiza con motivo desta efeméride.

Por outra parte, a exposición homenaxe á Comisión Cidadá Pola Verdade do 36, que ideou a colocación dun monumento para honrar e dignificar todas as vítimas da represión, xa se pode visitar no Edificio Francisco Sánchez de Tui. Comisariada por Cuqui Piñeiro, pretende homenaxear todas as persoas que fixeron posible a instalación do monumento e ás persoas que sufriron a represión na bisbarra. 

 

A nosa memoria silenciada divídese en catro seccións. A primeira parte contén información sobre o grupo que promoveu a instalación do monumento, denominado Comisión Cidadá pola Verdade do 36, do que formaba parte Mario Rodríguez, pintor da parroquia de Figueiró (Tomiño), fillo de  Isaura Gómez e Francisco Rodríguez Otero, secretario do concello de Tomiño na II República, asasinado en Mondariz xunto con Hipólito Gallego, mestre na parroquia de Forcadela (Tomiño).

 A comisión pola Verdade do 36 mantívose activa até o ano 2010 promovendo numerosos actos nos concellos do Baixo Miño e colaborou no filme sobre Antón Alonso Ríos dirixido por Víctor Coyote, en 2008.

O acto conmemorativo, lembran desde a organización, é unha oportunidade para lembrar e homenaxear ás vítimas da represión, reforzando o compromiso da comunidade coa memoria histórica e a xustiza.

Comentarios