"Galiza é agora unha república independente do resto de España": 93 anos da súa proclamación

A proclamación da República Galega en Ourense fai 93 anos.

Manifestación previa á proclamación da República Galega en Ourense o 25 de xuño de 1931. (Foto: Vida Gallega)
photo_camera Manifestación previa á proclamación da República Galega en Ourense o 25 de xuño de 1931. (Foto: Vida Gallega)

O 25 de xuño de 1931 proclamouse a República Galega en Ourense. Perto da 1 da madrugada, unha gran manifestación conformada por miles de persoas, maiormente operarios das obras dos camiños de ferro partiu de diante do edificio do Goberno Civil e desprazouse á casa consistorial, onde penetraron un grupo de persoas que retiraron a bandeira española, izaron a galega e deron por declarada a República, que foi saudada efusivamente pola multitude congregada fóra.

O exemplo de Ourense tivo continuidade nos día seguintes noutras vilas e cidades galegas. Neste contexto, o 27 de xuño, após un mitin desenvolvido na Alameda de Compostela tomaron a palabra Xosé Carnero Valenzuela, Eduardo Puente O Nécoras, Pedro Campos Couceiro e Antón Alonso Ríos, unha manifestación de miles de persoas dirixiuse ao pazo municipal da praza do Obradoiro. Alí, segundo El Pueblo Gallego, “izouse a bandeira azul e branca no edificio e proclamouse o Estado galego. O pobo pediu clamorosamente que Alonso Ríos ocupase a presidencia da Xunta revolucionaria e entón dixo que esta era do pobo".

A dimensión internacional

Os sucesos revolucionarios de xuño de 1931 tiveron unha grande repercusión na prensa internacional. Así, o 26 de xuño, o escritor Ernest Hemingway escribíalle desde Madrid ao seu amigo e escritor John dos Passos, que "os galegos van proclamar a República Socialista de Galiza". Ese mesmo día, o diario estadounidense  Pittsburgh Post-Gazette recollía que "varios manifestantes obrigaron a un telegrafista a transmitirlle ao Goberno de Madrid unha mensaxe que di: Galiza é agora unha república independente do resto de España".

A mesma xornada do 26 de xuño, o mestre de xornalistas estadounidense e autor da primeira denuncia sobre a matanza franquista de Badaxoz en 1936, Jay Allen, escribía nas páxinas do diario Chicago Tribune "en Ourense, a cidade que máis se beneficiou da vía férrea en cuestión, un pequeno grupo de conspiradores tocou campás e fixo soar sirenas antes do amencer esta mañá, proclamando a República da Galiza". Nesta liña, sinalou que "os galegos, con Catalunya, esixiron a autodeterminación no marco federal. O gobernador non recoñeceu a proclamación da nova república”.

As protestas que desencadearon a proclamación da República Galega tiveron como detonante a suspensión das obras dos tramos galegos do ferrocarril Madrid-A Coruña polo Goberno provisional republicano. Nestes acontecementos concorreron as reivindicacións concretas de orde laboral, os traballos ocupaban naquela altura na Galiza máis de 15.000 persoas, e a conciencia de agravio do país, concretada no malestar polos atrasos nas obras e pola decisión do Executivo de Madrid de primar actuacións en infraestruturas noutras partes do Estado.

A significación histórica

A República Galega de 1931 non pode ser reducida a unha anécdota sen ningunha significación histórica. Malia que abondou coa decisión do Goberno estatal de retomar as obras para rematar coa protesta, o mero recurso á independencia certificou a existencia dun estado de opinión no país, consciente da súa marxinación e da capacidade para valerse por si mesmo.

Mesmamente, nesta liña, non se explicaría a proposta dunha Galiza separada de España como medida de presión fronte a Madrid, se non fose socialmente hexemónica a consideración de que o país saía prexudicado na súa relación co Estado español e que este operaba como un impedimento para a mellora das condicións materiais de vida do pobo galego.

Comentarios