CONTRACULTURA

Rochi Nóvoa, escritora: "Quero que con estes relatos os meus fillos poidan coñecer en profundidade a súa bisavoa"

Rochi Nóvoa é autora do relato "A maxia da avoa" que achega Nós Diario a partir da vindeira terza feira, 2 de xullo, co suplemento de verán Máis.
A escritora Rochi Nóvoa afonda no seu relato que se poderá ler a vindeira semana no 'Máis'. (Foto: Emilio Romanos)
photo_camera A escritora Rochi Nóvoa afonda no seu relato que se poderá ler a vindeira semana no 'Máis'. (Foto: Emilio Romanos)

Rochi Nóvoa Vázquez escribe o primeiro relato do caderno Máis deste verán. Publicarase por entregas desde a vindeira terza feira, 2 de xullo, até o sábado 6. 

"A maxia da avoa" preséntanos Rosa Garrido Casas, unha muller forte e decidida. Era a avoa de Rochi e viviu sempre para axudar os demais. Desenvolveu o seu labor até os seus últimos anos sen buscar ningún recoñecemento e cos valores por bandeira. Agora, a súa neta conta a vida desta incríbel muller.

En "A maxia da avoa" está, precisamente, a súa avoa Rosa. Trátase dunha homenaxe a unha muller forte e adiantada á súa época, non si?
Non só é unha homenaxe, senón un falar da vida e da morte, da memoria histórica e da falta de memoria. De experiencias non contadas, dun pasado algo oculto que debuxa unha nova avoa que xa empezara a disiparase, como é normal. Así que pode ser unha homenaxe, pero tamén un agarimo ás decisións vitais ás que só as mulleres nos enfrontamos, da xestación, da maternidade e 
da soidade. É un chío á familia como puntos cardinais e esas herdanzas que levamos todos dentro.

Por último, tamén é unha construción de min mesma, unha herdanza para a miña filla e para o meu fillo, incluso para os meus futuros netos e netas.

No relato abórdase a perda de seres queridos. Que é para vostede o loito?
O loito para min é esa falta de luz, esa perda que se busca incansabelmente. Eu adoito vestir de negro, que é unha cor coa que me sinto moi cómoda. Considero a vida como un camiño constante, con ausencias, que se poden considerar ese loito. É a carencia de algo que tiñamos por constante. 

Non creo nun loito como tal, porque as persoas quedan na memoria. Con todo, resúltame poético até certo punto e incluso sanador.

Felicidad e Rosa eran o que se coñecía daquela como curandeiras. Empregaron toda a vida, até a súa morte, remedios para axudar 
a veciñanza.

Si, porque a casa sempre estivo chea de herbas e de remedios. Os feitos foron como se contan no relato. Había potas no lume con herbas fervendo. Ela adoitaba traer castañas e allos nos petos a modo de protección. 

Elas pasaron toda a súa vida curándose a si mesmas e ao resto de persoas do redor. O que facían eran un alivio da mente e da alma que non había antes por outros medios, como poden ser as psicólogas e os psicólogos actuais.

Considerou nalgún momento realizar unha biografía sobre súa avoa?
Non, para nada. Estes relatos son unha maneira de ter a avoa aínda máis presente. Foi unha idea que me xurdiu, en parte, grazas a que Nós Diario me propuxo escribir estes relatos. Só quería contar o seu legado e a súa historia. Pero agradezo a idea, nunca se sabe...

A familia e o legado que nos deixan que importancia teñen na súa obra?
Nunca escribín de maneira específica deles, é dicir, póndolles nome. Pero si de forma indirecta, xa que forman parte do que eu 
levo dentro. Neste relato é  a primeira vez que os meus familiares son eles mesmos e deixan de ser as cousas que me ensinaron. Si que é certo que nestes últimos anos estou con varios poemarios que me devolveron á aldea. Quero que con estes relatos a miña filla e o meu fillo poidan coñecer en profundidade a súa bisavoa e tamén a súa tataravoa. 

Tamén busco manter vivo ese legado, esa enciclopedia vivinte que eran. Quero que eles tamén sintan que son fillos da terra.

Comentarios