Mostra de Teatro de Cangas

Berta Ojea: "Tiña que facer o posíbel para traer María Casares á Galiza e á súa lingua natal”

A traxectoria vital e artística da actriz María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, Francia, 1996) centra a palestra que ofreceu a actriz galega Berta Ojea en Cangas dentro da programación das XXIV Xornadas Mulleres en Acción. "Era unha intelectual enorme”, afirma Berta Ojea, que auspiciou a publicación na editorial Kalandraka do libro ‘A única, María Casares’, da autora francesa Anne Plantagenet, con tradución de Isabel Soto.

Berta Ojea (á esquerda), acompañada de María Armesto. (Foto: MITCFC)
photo_camera Berta Ojea (á esquerda), acompañada de María Armesto. (Foto: MITCFC)

María Casares chegou a ser unha das actrices máis admiradas de Francia, triunfando no teatro e mais no cine baixo a dirección de destacados directores como Marcel Carné, Robert Bresson ou Jean Cocteau. Alén das relacións que mantivo co actor Gérard Philipe e co escritor e filósofo Albert Camus, foi unha muller libre, valente e perseverante. Esta biografía, que veu a luz co gallo do seu centenario, preserva a memoria dunha das grandes referencias do exilio. Trátase dun texto que conta a historia -dentro e fóra dos escenarios- dunha actriz recoñecida internacionalmente que nunca renunciou ás súas raíces galegas.

Berta Ojea coñeceu María Casares en París no ano 1989 e a amizade entre ambas  prolongouse durante moitos anos, compartindo longas conversas.

-Que ten esta biografía que non teñan outras?
Ten María Casares. Nesta mirada de Anne Plantagenet atopei á persoa e á artista que eu coñecín. Esta biografía ten algo que non teñen as demais. Ten o seu alento, o seu ritmo. Ese ritmo que mostraba a súa forza. A forza coa que tragaba a vida, o tempo, a comida... Ademais, é unha biografía que se le como se fose unha novela. A primeira vez que a lin, comecei e non puiden parar até acabala.

-Por que se involucrou na tradución ao galego deste libro?
Coincidindo co centenario do seu nacemento participei na organización dun ciclo de conferencias con persoas que coñeceron persoalmente María Casares. Para min era fundamental facerlle unha homenaxe na Coruña, onde naceu, e que estivese a xente que si a coñecera. Xa que María non puido volver á Galiza, quixen que dalgún xeito viñera. Ela non o fixo porque non tivo ningunha oferta para volver. Ela sempre dixo que só viría se viña a traballar. Foi así como lemos este libro, porque queríamos traer unha biógrafa francesa. A Anne Plantagenet lle recoñezo moita valentía porque ser parisiense e escribir sobre María Casares non é sinxelo. Alí todo o mundo a coñece. É todo un ídolo.

-E como chegou a idea do libro?
O destino tamén axudou un pouco. Eu falei co director da editorial Kalandraka para que lese a biografía e se animase a traducila ao galego. Nun primeiro momento dixo que non, argumentando que non había tempo, porque estabamos no verán e o libro tiña que estar listo en novembro. Cando o leu recoñeceu que era extraordinario, pero había outro problema. A tradutora estaba de vacacións. Aínda así llo mandaron e cando o leu dixo que empezaba xa. Era como se todo fluíse a favor. Como se a propia María estivese detrás para que saíra adiante. Ademais, o libro é tamén unha pequena vinganza pola miña parte. Tiña que traela a Galiza e á súa lingua natal. Traer a xente que a coñeceu foi como facela volver. Sigo tendo moito empeño en que recoñezamos a María Casares como un gran talento galego. Porque ten unha vida apaixonante. É un referente de vida e é nosa.

-Lembra cando foi a primeira vez que escoitou falar de María Casares?
A verdade é que non me acordo, pero si que na miña casa se falaba dela e eu sabía da súa existencia. Sabía que estaba en París, que era filla dun dos importantes da República e que triunfou en Francia. Souben máis dela cando fun a Barcelona. Alí tiñan máis admiración por ela e pola xente do teatro.

-E a primeira vez que a veu actuar?
Estaba en París eu facendo un curso de Música e fun vela ao teatro cunha obra de Luigi Pirandello. Despois, como boa groupie pedín para vela e saudala no camerino. Cando me veu e lle contei que tamén era da Coruña, cun enorme acento galego, espetoume “y qué haces tú aquí”. Mandoume sentar e díxome que se quería volver vela que buscase o seu nome na guía telefónica. Esa foi a miña primeira noite facendo un “Hamlet”: chamar ou non chamar (risas). Chamei e quedamos a tomar un café.

-E cal foi a primeira impresión que lle causou ao coñecela?
Eu fun vela como se fora a Lourdes ou a Fátima. Coa fe dunha crente que vai ver á súa santa. A primeira impresión foi moi forte. Foi algo incluso físico. Eu estaba soa, sentada na butaca para ver a obra de teatro. Botei o corpo cara diante e, cando apareceu, a súa presenza botoume para atrás. Era tal a forza que tiña enriba dun escenario que provocaba este efecto. Transmitía tanta enerxía que cando entraba a escena, xa traía con ela o personaxe que interpretaba. Vivía dentro dela moito antes de entrar en escena.

-Que papel tivo María Casares na súa decisión de ser actriz?
Un día estábamos falando de moitas cousas e fíxome unha pregunta. Se sabía tanto de teatro, do de España e do de fóra, se me gustaba tanto, non entendía por que, sen embargo, estaba estudando Música. “Deberías de pensártelo mejor”, díxome. E a partir de aí algo se abríu dentro de min. Foi un camiño sinxelo, como se a vida me levase. Coincidiu que tamén tiña unha amiga facendo un curso de interpretación e pediume que a acompañase. Cando o vin díxenme a min mesma que eu quería facer iso. Despois chamáronme para facer traballos musicais con algo de teatro. E xa apareceu o cine, que non tiña nin idea de como se facía.

-María Casares sempre quixo separar a súa profesión da controvertida figura política do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Cres que pode ser esa a razón pola que nunca quixo volver a Galiza?
Ela sempre quixo volver, pero a traballar, non a recibir premios nin recoñecementos. Ela non estaba na pelexa da figura do seu pai. Sabía o que del se dicía, pero non lle facía moito caso. Ela cría que o seu pai non era un traidor. Para ela o verdadeiro exilio non foi a Francia, senón marchar de Galiza para Madrid cando tiña uns 9 anos. Do seu pai gardaba grandes recordos. Encantáballe contar como lle lía os libros de Valle Inclán, de García Lorca. Máis tarde, na relación con Albert Camus, este empezou a ser o elemento que para ela fora seu pai.

-Está a cultura galega en débeda con ela?
Si, totalmente. Está en débeda porque María viría traballar aquí se a tivesen chamado. Despois de morrer, creáronse os premios de teatro que levan o seu nome, pero antes ninguén pensou en traela cun traballo. Ela sempre dicía que a única maneira coa que podía vir era co teatro, que era a súa patria.  

Comentarios