Fran Rodríguez & Brais Pombo inician a súa 'Residencia Paraíso' en Compostela

Do outro lado é un proxecto de investigación escénica sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural, que conta coa colaboración do colectivo Memoria e Cinema e da compañía de teatro Mevadeus.

Unha das imaxes do proxecto de Fran Rodríguez & Brais Pombo.
photo_camera Unha das imaxes do proxecto de Fran Rodríguez & Brais Pombo.

Os artistas Fran Rodríguez & Brais Pombo iniciaron esta segunda feira a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 en Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro na Galiza, promovido polo Colectivo RPM.

A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) acollen, desde esta segunda feira e até o sábado 20 de xullo, a terceira destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do tándem creativo.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Fran Rodríguez & Brais Pombo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela, na sexta feira, 19 de xullo, con acceso libre até completar a capacidade do espazo.

Paralelamente, os creadores participarán, xunto ao resto de Artistas Paraíso 2024, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar durante os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón, na ría de Vigo.

O proxecto

Do outro lado é un proxecto de investigación escénica sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural, que conta coa colaboración do colectivo Memoria e Cinema e da compañía de teatro Mevadeus.

A canteira que abriu o monte de Traspielas é o símbolo do que parte o proxecto para afondar nas consecuencias que esta ferida ten, desde o persoal ao global, reflexionando sobre o concepto de habitar nun sentido amplo, poñendo o corpo e o audiovisual como ferramentas de traballo.

Do outro lado indaga en como o capitalismo se introduce na clase labrega, desfacendo a comunidade e a súa capacidade de autosuficiencia, para converter as persoas en entes individuais que entran a ser produtores e consumidores no mercado, invitándo a reflexionar sobre a nosa forma de habitar o mundo na sociedade contemporánea. 

 

Comentarios