MÁIS

Deilán de música e solpor

Gozar da cultura e da praia en Vilaboa.
O Deilán Praia é punto de referencia para descansar, refrescarse e gozar do verán. (Foto: Deilán Praia)
photo_camera O Deilán Praia é punto de referencia para descansar, refrescarse e gozar do verán. (Foto: Deilán Praia)

Desde 2019, en Cobres (Vilaboa), un alegre balbordo de música e  conversa enche o ambiente. Case todo sae do Deilán Praia, un estabelecemento situado no areal de mesmo nome e que, desde os  seus comezos, aspirou a algo máis que ofrecer refrixerios en tempada estival. Así, a súa dona, Elena Rodríguez, vén, ano tras ano, con novas propostas para enriquecer as vistas da enseada de San Simón desde concertos, xornadas sociais ou incluso un teatro de monicreques para a rapazada.

Deste modo, fidelizou o seu público que, recoñece, non é quizais o "maioritario" pero si o máis curioso. Quen vai ao local, como ela, parece valorar  ante todo a singularidade e estar disposto a escoitar novos temas dos que aprender e descubrir grupos musicais emerxentes. Ese é un dos reclamos deste recuncho da ría de Vigo: ofrecer un produto musical autóctono con énfase na calidade do son galego con grupos como o Fixe Trío, The Manueles ou Leira Papaia.

Elena Rodríguez converteu Cobres nun escenario de bandas emerxentes á beira do mar 

Neste senso, a receita do seu renome é unha combinación de orixinalidade e valentía tanto de artistas que actúan no escenario como por parte de Elena Rodríguez tras a barra. No Deilán Praia sempre hai espazo para descubrir novo contido ao carón dun continente de experiencia netamente atractivo xa que, como sinala Rodríguez a este xornal, o areal de Deilán é un "entorno particular" que se distingue polas súas vistas, moi diferentes ás do resto da contorna da ría de Vigo. Tamén é reseñable o su labor social e solidario que permitiu o verán pasado recadar fondos para traer a astrónoma Elnaz Osmani e a súa familia de Afganistán. 

Este ano, por circunstancias persoais de Rodríguez, o Deilán realizará unha pausa en parte da súa actividade cultural, sobre todo nos concertos, e tocará agardar até o próximo ano para volver asistir a actuacións musicais neste espazo emblemático. Iso si, o show natural está garantido e o local seguirá a acoller toda persoa que se achegue.

Elena Rodríguez, con compromiso

Elena Rodríguez, a  propietaria de Deilán Praia, que leva seis anos como rexente do estabelecemento, ten como máxima levar ao seu local hostaleiro aquilo que ela gusta de atopar no mundo adiante, unido cultura, temas sociais e natureza. Por iso, sempre hai algunha proposta social sobre as mesas do Deilán.

As vistas á ría de Deilán

Cando a brétema toma a ría de Vigo ou cando baixa o solpor, a praia de Deilán ofrece un espectáculo único de natureza e música ao aire libre. Todo en fusión para atraer e reunir turistas e veciñanza a redor do Deilán Praia. Mais o mellor é que este areal non está masificado e nel pódese gozar da tranquilidade. 

Enseada de San Simón, un lugar para gozar

Como indica Elena Rodríguez, a praia de Deilán destaca fronte aos areais de Vigo con urbanización nas beiras. A de Deilán é unha paisaxe natural adornada por terras de cultivos, entre eles, o millo. Desta forma é un recuncho que ofrece un aspecto diferenciador nesta parte do Atlántico pois, lembra a propietaria do estabelecemento, son poucos os lugares da Galiza onde a natureza se estende até a praia. Ademais, este espazo ten outra vantaxe adicional: a súa capacidade para  presenciar un espectáculo de néboas sen verse afectado por elas debido á existencia  do que moitos denominan como "microclima".

Máis en CULTURA
Comentarios