Tareixa Navaza, a pioneira do xornalismo galego, protagoniza o 'Sermos Galiza'

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 6 de xullo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 6 de xullo, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta o protagonista é a xornalista Tareixa Navaza (Compostela, 1947), a quen entrevista o xornalista Montse Fajardo con motivo do 40 aniversario do traslado dos restos de Castelao ao Panteón dos Galegos Ilustres, que ela mesma retransmitiu en directo a través da TVE na Galiza.

"Eu ía vendo na pantalla como se ía caldeando o ambiente, porque as nosas cámaras estábano recollendo. Vía que cada vez chegaba máis xente aos arredores de Bonaval, e tamén que aparecía unha cantidade de forzas de orde pública como había tempo que eu non vía. E logo vexo que empezan a cargar contra o público. Foi entón cando dixen algo así como que as imaxes non precisaban de palabras, pero houbo un momento en que me puxen a repetir o que berraba a xente, e recordo que cando, moitos anos despois, me fixo un recoñecemento o Consello da Cultura Galega, Manuel Lombao, que foi director do noso centro, dixo que fun a primeira xornalista que lle deu voz ao público. E si, aí me ves a min repetindo: 'Galiza ceibe, poder popular', e outras consignas, por se non se escoitaban ben desde casa", relata Navaza.

Viaxe a unha botica de hai medio século

E se fose posíbel coñecer, en primeira persoa, como eran as boticas de hai 50 anos? Que dependencias tiñan, como eran os frascos das esencias e dos medicamentos, que libros consultaban os boticarios... 

Pois todo isto é posíbel en Doade, no concello de Beariz (comarca do Carballiño). Alejandro Mínguez achéganos en Nós Diario á botica dos Janeiros, unha cápsula do tempo, unha farmacia perfectamente conservada e restaurada até o máis mínimo detalle. 

"É un establecemento onde o tempo quedou paralizado en 1975, cando botaron o peche da farmacia trala enfermidade do seu derradeiro propietario. E así quedou, todo no seu lugar, como se foran abrir ao día seguinte. Todo colocado. Todo preparado. É coma unha cápsula do tempo. Entrar neste local é unha viaxe ao pasado, coma se o protagonista da famosa película americana Regreso al futuro, Michael J. Fox, puxera o Delorean empregado como máquina do tempo para viaxar medio século atrás. Un lugar sen dúbida único na Galiza", explica Mínguez. 

Celebrar a lingua

Esta pescuda, da man de Patricia Arias Chachero, céntrase na Festa da Lingua, organizada hai case cen anos, en plena ditadura de Primo de Rivera, pola Liga de Amigos de Santiago.

Nun momento da historia no que nos faladoiros dos cafés se debatía apaixonadamente e sen medias palabras se o galego era ou non unha lingua apta para todo tipo de usos, un grupo de composteláns acordaron organizar unha festa, un concurso que puxera en valor o uso do galego

"Da relevancia que se lle quixo dar ao evento dá boa conta o feito de que a data escollida para facer públicos os resultados e realizar o acto literario-musical non era en absoluto inocente. A Liga de Amigos, dirixida desde marzo dese ano por Anselmo Padín Jorge e con José Seijas Roch como secretario, acordou que o resultado faríase público o 26 de xullo, un día despois do Día do Apóstolo, festa maior na cidade. Cadraba a escolla coa celebración do Día da Patria Galega que, desde 1920, quedara fixada polos membros das Irmandades no 25 de xullo", explica Arias. 

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por O paso en falso, de Abraham Pérez (Galaxia, 2023), e Herba, de Keum Suk Gendry-Kim e traducida do coreano por Alba Verea Pérez (Rinoceronte, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco A Primavera ten que ser nosa (Autoeditado, 2024), de O Sonoro Maxín, e achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Marina Fernández Vigo asina o artigo 'Manolo Escobar e os gaiteiros antisistema'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Descansa en paz (Thea Hvistendahl, Noruega-Suecia), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Sole Felloza fálanos da "busca do tesouro" na sección Patrimonio Oral.

Aliás, Lázaro Armental escribe na sección de Arquitectura sobre Enric Miralles e os carteis de Felipe Peña, mentres Pepe Barro achega no apartado de Deseño un artigo titulado 'A identidade das augas', na que debulla a evolución da imaxe gráfica das augas de Mondariz. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 6 de xullo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios