A sociedade galega despediu no Museo do Pobo Galego o catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC Xusto Beramendi, un dos fundadores da institución, que faleceu na cuarta feira aos 82 anos.
Ás 10 horas desta quinta feira decorreu a capela ardente de Beramendi e, tras ela, ás 13 horas foi o acto cívico ao que acudiron diferentes personalidades do mundo da cultura, sociedade e política galega.
Entre os presentes estiveron a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e edís do concello da capital galega, entre outros.
O féretro, situado no centro do auditorio do Museo, estivo cuberto coa bandeira galega e, ao seu redor, diversos centros florais, a maioría deles, adornados con lazos que simulaban a bandeira da Galiza.
![Capela ardente de Xusto Beramendi, esta quinta feira, no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)](/media/nosdiario/images/2024/07/04/2024070416133979860.jpg)
Durante a cerimonia a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, tivo unha palabras para honrar Beramendi e despedilo na que denominou como "a súa casa", en referencia á institución.
“Un home que sempre traía os deberes feitos, durante meses, anos e décadas. Traer os deberes feitos e traballar moito onde non che ven, para traballar ben cando estás rodeado doutra xente. Sempre o vimos traballar ben", enxalzou Losada.
"Non che imos a esquecer, Xusto. Só pediamos un pouco máis de tempo", concluíu, emocionada, Concha Losada. Tras ela, un dos netos de Beramendi tamén dedicou unhas palabras ao seu avó. Posteriormente, foi o fillo maior o que remarcou a "independencia e tenrura" do seu pai e concluíu a súa intervención cun poema.
Ao finalizar, os presentes puxéronse en pé e entoaron, ao compás da gaita, o Himno galego. Posteriormente, o cadaleito, precedido por un gaiteiro que entoou o himno do Antigo Reino da Galiza a medida que abandonaba o Museo, foi levado ao lombo até ser introducido no coche fúnebre.
![Gaiteiro presidindo o cortexo fúnebre de Beramendi no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)](/media/nosdiario/images/2024/07/04/2024070416140942296.jpg)
A súa necrolóxica, ademais dos seus cargos como presidente do padroado do Museo do Pobo Galego e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, recolle que foi un "marxista irredento e galego de elección".