Análise

Justo Beramendi, galego por elección

Manuel Vilar é director do Museo do Pobo Galego.
O historiador 
Xusto Beramendi (1941-2024) [Foto: Arxina].
photo_camera O historiador Xusto Beramendi (1941-2024) [Foto: Arxina].

O 16 de xullo de 2022, un mes despois de deixar o cargo de presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, presentamos o libro Justo Beramendi: Galego por elección. Era un xeito de recoñecerlle a entrega de máis de corenta anos dedicado a erguer e consolidar unha institución cultural que é un referente de Galicia e que, como el mesmo tiña dito en varias ocasións, é unha das tres entidades civís das que a sociedade galega se ten dotado para o seu desenvolvemento como suxeito político e con identidade de seu. Era tamén un xeito de celebrar o seu aniversario.

O título foi unha elección consciente: quen non sendo galego de nacemento e vivindo en varias partes do Estado español, elixiu nun momento determinado ser galego e comprometerse coa realidade do país até converterse nun especialista clave para entendermos a realidade identitaria.

Dous foron os camiños principais polos que ten andado: a creación e consolidación dun museo que entronca co ideario do Seminario de Estudos Galegos, e o de darnos a coñecer a nosa propia Historia. 

Foi o “inventor” do noso nome: Museo do Pobo Galego. Palabras que anuncian a fórmula que abeira un ideario de entender a cultura dun país, así como o compromiso para avivar un legado que fora demoucado violentamente a partir do 18 de xullo de 1936 (e ocultado ao longo de 40 anos de ditadura). Catro palabras nas que, hoxe, todas e todos recoñecemos claramente un sinal que nos identifica. Justo Beramendi foino todo no Museo do Pobo Galego, unha persoa clave para que esta casa común e lugar da memoria estea de pé.

O Museo é unha imaxe ou representación de Galicia que simboliza a vontade de ser do noso pobo, como é unha obra colectiva. Interpreta o que foi e o que é Galicia, mais tamén o que aspira a ser, edificando o futuro sobre os alicerces do seu feito diferencial.

Nas súas varias facetas, como tradutor, activista político, historiador, profesor, comentarista na prensa (onde participou na creación dalgunhas cabeceiras), autor de guións para documentais, comisario de exposicións, organizador de congresos, en todas elas  deixou pegada e en todas puxo paixón para transmitir coñecemento e, así, podemos entender mellor a sociedade do presente, que é desde a que traballa todo historiador, para que as problemáticas e eivas do pasado non nos invadan e poidamos construír un futuro en clave de progreso.

Recoñecido como un dos máis importantes historiadores, se non o máis, do nacionalismo galego e dos nacionalismos no ámbito ibérico; destacando por unha minuciosa teorización sobre historia política de enorme relevo. Polo seu traballo investigador -case douscentos títulos entre libros, capítulos de libros e artigos en publicacións especializadas, sen contar os seus numerosos artigos en prensa-, recibiu os galardóns máis destacados. A súa obra máis recoñecida é, sen dúbida, De provincia a nación: Historia do galeguismo político (2007), culminación de décadas de pescudas sobre a historia do nacionalismo galego. Mais non debemos esquecer as súas achegas sobre Losada Diéguez, Risco, Bóveda, Castelao, as Irmandades da Fala e un longo etcétera, que abriron algúns horizontes inéditos na historiografía de noso. 

Agora emprendeu outro camiño e déixanos un oco difícil de encher.

Comentarios