O Partido Laborista de Starmer pon fin a 14 anos de dominio conservador no Reino Unido

O Sinn Féin imponse como primeira forza en Irlanda do Norte mentres en Escocia retrocede o SNP.
O líder do Partido Laborista do Reino Unido, Keir Starmer, celebrando o seu contundente triunfo esta pasada noite. (Foto: Jeff Moore / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera O líder do Partido Laborista do Reino Unido, Keir Starmer, celebrando o seu contundente triunfo esta pasada noite. (Foto: Jeff Moore / PA Wire / DPA vía Europa Press)

Cambio de ciclo no Reino Unido. O Partido Laborista venceu esta quinta feira as súas primeiras eleccións xerais en 19 anos, desde que en 2005 vencera con maioría absoluta Tony Blair, pois nos catro comicios posteriores, entre 2010 e 2019, a vitoria fora para os tories. Agora, con Keir Starmer á cabeza, e a falta de que se confirme no momento de escribir estas liñas a asignación dos últimos 12 de 650 escanos, os laboristas arrasan con 412 actas, case o triplo que as aseguradas polo Partido Conservador (120).

Un triunfo esmagador, con todo, condicionado polo sistema electoral británico —"first-past-the-post"—, no que o candidato ou candidata máis votada en cada circunscrición torna na única representante, deixando o resto de formacións políticas fóra da Cámara dos Comúns, pois os de Starmer obtiveron arredor de 34% dos sufraxios totais, apenas 1,7 puntos máis que en 2019, por volta do case 24% de persoas que optaron polo partido gobernante, os conservadores de Rishi Sunak, que si descenden notabelmente e perden case 20 puntos.

 

O ultradereitista Reform UK é o terceiro en voto (14,3%), mais logra unicamente catro parlamentarios, mentres o Partido Liberal Demócrata, cuarto en número de papeletas (12,2%), experimenta unha importante repunta en termos de representación pasando de 11 a 71 escanos.

O líder do Partido Liberal Demócrata, Ed Davey, celebrando os seus resultados. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire / DPA vía Europa Press)
O líder do Partido Liberal Demócrata, Ed Davey, celebrando os seus resultados. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire / DPA vía Europa Press)

O Partido Verde sobe catro puntos, até o 6,8%, e suma catro actas. As mesmas que o Plaid Cymru de Gales (0,7% do voto) e unha menos que o Partido Unionista Democrático (0,6%) de Irlanda do Norte. E neste último territorio salta a sorpresa, pois o Sinn Féin imponse aos unionistas e torna na forza máis votada, con 0,7% dos apoios totais e sete representantes.

Ledicia no Sinn Féin polo triunfo en Irlanda do Norte. (Foto: Sinn Féin)
Ledicia no Sinn Féin polo triunfo en Irlanda do Norte. (Foto: Sinn Féin)

O nacionalismo, porén, retrocede de forma considerábel en Escocia, onde o Partido Nacional Escocés (SNP, polas siglas en inglés) cae 1,3 puntos, até o 2,35%, e obtén só nove deputados e deputadas, a quinta parte das que sumara en 2019. A poboación escocesa votou maioritariamente polos laboristas (37 escanos) e deu outras cinco actas aos liberais e catro aos conservadores.

Starmer: "Conseguímolo"

Con bandeiras do Reino Unido e as nacións que integran o Estado e con carteis que rezaban "comeza o cambio" celebrou o flamante triunfador da noite, Keir Starmer, uns resultados que non por agardados segundo as enquisas— deixou de celebrar. "Conseguímolo", dixo, ante un grupo de simpatizantes aos que prometeu "devolver a política á normalidade".

O líder laborista, Keir Starmer, dirixíndose aos seus simpatizantes. (Foto: Jeff Moore / PA Wire / DPA vía Europa Press)
O líder laborista, Keir Starmer, dirixíndose aos seus simpatizantes. (Foto: Jeff Moore / PA Wire / DPA vía Europa Press)

"O pobo británico votou para pasar páxina tras 14 anos, pero non pensemos que había algo inevitábel niso. Non hai nada predestinado en política. As vitorias electorais non caen do ceo, gáñanse con esforzo e lóitase por elas. Esta só podía gañala un Partido Laborista cambiado", enfatizou, salientando a reforma a nivel político da súa formación nos últimos anos, da que saíu o seu anterior dirixente, Jeremy Corbyn, para concorrer nestes comicios como independente e gañar o escano no seu distrito de Londres, Islington North, impóndose ao laborista Praful Nargund.

"Cambiar un país non é como apertar un interruptor, senón que é un traballo duro, paciente e decidido. Dixemos que poriamos fin ao caos, e farémolo. Dixemos que pasariamos páxina, e fixémolo. Hoxe empezamos o seguinte capítulo. Comezar o traballo de cambio, a misión de renovación nacional, e empezar a reconstruír o noso país", engadiu Starmer.

Sunak: "Hai moito que reflexionar"

O primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, esta pasada noite electoral. (Foto: Temilade Adelaja / PA Wire / DPA vía Europa Press)
O primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, esta pasada noite electoral. (Foto: Temilade Adelaja / PA Wire / DPA vía Europa Press)

O aínda primeiro ministro británico e candidato dos tories á reelección, Rishi Sunak, recoñeceu de madrugada a derrota e chamou Starmer para parabenizalo. "Hoxe o poder cambiará de mans de maneira pacífica e ordenada, con boa vontade de todas as partes. Isto é algo que debería darnos a todos confianza na estabilidade e o futuro do noso país. O pobo británico emitiu esta noite un veredicto aleccionador", subliñou. Sunak asumiu a responsabilidade da derrota: "Hai moito que aprender e reflexionar".

Comentarios