O Claustro da Universidade de Vigo aprobou esta sexta feira unha moción que condena as accións bélicas do exército israelí na Faixa de Gaza e a "destrución intencionada das universidades palestinas", e insta a institución académica a evitar "calquera forma de colaboración coas universidades israelís que practiquen o 'apartheid' co estudantado palestino".
O texto foi presentado por 12 membros do Claustro e tamén reclama que a UVigo se comprometa a destinar recursos económicos para recibir e protexer estudantes e persoal das universidades palestinas.
A moción foi ratificada con 50 votos a favor, tres en contra e 6 abstencións, e foi aprobada nunha sesión ordinaria do Claustro celebrada na Facultade de Comunicación do campus do Pontevedra.
O texto foi presentado por tres dos seus autores, Xosé María Gómez Clemente, Nuria Andión e Andrés Graña, e segundo trasladaron, naceu da "fonda preocupación pola situación en Gaza e Cisxordania" e tamén do "convencemento de que esta Universidade tiña que manifestarse dalgún modo".
De feito, o propio reitor, Manuel Reigosa, expresaba a súa convicción de que a Universidade de Vigo debía aprobar un manifesto "e non mirar para outro lado". Tamén expresou o seu desexo de que puidese ser aprobado por unanimidade, algo que non se produciu a pesar de que os autores aceptaron suprimir un dos puntos do texto.
Finalmente, o texto recolle unha condena explícita "á violencia contra as persoas polas súas ideas políticas, relixión ou orixe étnico" e a condena ás "accións bélicas do exército israelí na Faixa de Gaza, así como todas as accións que, contra o Dereito Internacional, por acción ou por omisión, segue levando a cabo Israel nos territorios ocupados".
Tras lembrar a "situación desesperada" na zona, o texto condena tamén "a violencia contra calquera vítima inocente desta situación" e a destrución das universidades palestinas, e reclama a súa reconstrución como obxectivo estratéxico da UVigo. Igualmente insta a institución para romper relacións con universidades de Israel que discriminen estudantado palestino.
O reitor avanzou que a UVigo porá en marcha unha convocatoria de bolsas específica para persoal procedente de Palestina e mostrou a vontade de que ferramentas como o Campus Remoto poidan servir para que, "no momento que se poida", se retomen as clases nas universidades de Gaza e Cisxordania.