Hezbolá lanza máis dun centenar de proxectís en represalia contra Israel pola morte dun comandante

O Exército sionista ataca áreas que designara como seguras en Gaza.

Campo de persoas desprazadas en Rafah, na Faixa de Gaza (Foto: mar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).
photo_camera Campo de persoas desprazadas en Rafah, na Faixa de Gaza (Foto: mar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).

O grupo libanés Hezbolá trasladou a cuarta feira que disparou un centenar de proxectís contra dúas posicións israelís nos Altos do Golán, territorio sirio ocupado polo réxime de apartheid sionista, en resposta ao asasinato por parte de Israel de Muhammad Nimah Nasser, xefe da Unidade Aziz, que controla un dos tres distritos do sur do Líbano.

Asemade, detallou que amais dos ataques contra o cuartel xeral da División do Golán e do centro xeral de defensa aérea e antimísiles no cuartel de Keila atacaron unha base militar en Kiryat Shmona, no norte israelí. Con posterioridade a canle Al Jazeera informou de que se seguían a escoitar proxectís sendo lanzados desde o Líbano.

Pola súa parte, o Exército israelí sostivo que non causaron danos mais lanzou ataques contra a cidade libanesa de Khiam.

O ataque israelí é coherente coa tentativa do Goberno de extrema dereita do primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, de escalar a guerra para garantir a supervivencia política do líder do Executivo.

Netanyahu ten pendente un xuízo por corrupción, a Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) pediu unha orde de arresto contra el e está no medio dun choque co Exército, que quere un alto o fogo con Hamás, que goberna Gaza, na agresión militar contra o enclave, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio.

38.000 asasinatos

Na Faixa os ataques israelís continuaron, incluso contra áreas que os propios sionistas designaran como seguras para forzar a fuxida de 250.000 persoas de Khan Younis, xa arrasada con anterioridade, como o que matou 12 persoas, nove dunha mesma familia. Case 38.000 palestinas e palestinos foron asasinados desde outubro por Israel.

Comentarios