O reformista Masud Pezeshkian aspira a gañar a segunda volta das eleccións presidenciais de Irán

Said Jalili confía en arrastrar os votos dos outros candidatos conservadores.
O reformista Masud Pezeshkian (Foto: Rouzbeh Fouladi / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press).
photo_camera O reformista Masud Pezeshkian (Foto: Rouzbeh Fouladi / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press).

O reformista Masud Pezeshkian e o conservador Said Jalili enfróntanse esta sexta feira nunha pouco frecuente segunda volta das eleccións presidenciais en Irán, convocadas por anticipado pola morte en maio de Ebrahim Raisi nun accidente de helicóptero. 

Na primeira volta Pezeshkian foi o máis votado, ao obter 42,5% dos sufraxios, nuns comicios marcados por unha participación en mínimos históricos. Porén, era o único reformista entre os catro candidatos participantes. Jalili, pola súa parte, alcanzou 38,6% dos votos.

Segundo afirmou o portavoz da comisión electoral, Mohsen Eslami, a participación foi de 40%, a máis baixa nunhas presidenciais desde o estabelecementos da República Islámica tras a revolución de 1979.

A vitoria de Pezeshkian, aínda que non obtivo os apoios suficientes para imporse en primeira volta, supuxo a materialización dun respaldo a un discurso crítico coa situación social e económica, incluída a súa oposición ao uso obrigatorio do velo, así como a aposta polo achegamento á comunidade internacional de cara a reactivar o acordo nuclear asinado en 2015.

Ultraconservadores piden unidade

Mentres tanto, Jalili consolidouse como o favorito entre os candidatos conservadores despois de que as aspiracións de Mohamed Baqer Qalibaf foran danadas polas acusacións de corrupción e os escándalos políticos e de que Mostafá Purmohamadi tamén ficase lonxe da súa porcentaxe de votos.

Ante a posibilidade de vitoria de Pezeshkian, dous candidatos ultraconservadores (Amirhosein Qazizadé e Alireza Zakani) renunciaron a participar na primeira volta e pediron a Jalili e Qalibaf unificar as súas forzas para o que describiron como unha "vitoria da revolución".

Comentarios