Irán vota nas eleccións presidenciais para elixir quen substituirá Ebrahim Raisi

Posíbel segunda volta a sexta feira da vindeira semana.
Masoud Pezeshkian. (Foto: Rouzbeh Fouladi / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Masoud Pezeshkian. (Foto: Rouzbeh Fouladi / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)

Catro candidatos enfróntanse a sexta feira nas eleccións presidenciais anticipadas en Irán, convocadas tras o falecemento nun accidente de helicóptero do mandatario Ebrahim Raisi o 19 de maio, os conservadores Saeed Jalili, ex negociador para asuntos nucleares, e o deputado Mohammad Bagher Ghalibaf, e os reformistas Masoud Pezeshkian, actual lexislador e ex ministro, e o tamén ex ministro Mostafa Pourmohammadi.

Se ningún deles obtén máis de 50% dos sufraxios haberá o 5 de xullo unha segunda volta entre os dous que obteñan o maior número de papeletas.

As últimas enquisas colocaban Pezeshkian á cabeza. O traballo demoscópico da Axencia de Enquisas Estudantil Iraniana esta semana outórgalle 33% dos votos, seguido por Jalili (29%) e Ghabibaf (19%), con Pourmohammadi por baixo de 1,5%.

Outras dúas candidaturas conservadoras, a do vicepresidente Amir-Hossein Ghazizadeh Hashemi e a do alcalde de Tehran, a capital, Alireza Zakani, movíanse entre 2% e 3%.

Non obstante, ambos os dous anunciaron a quinta feira a retirada das súas candidaturas para concentrar o voto conservador. Hashemi sostivo que a súa retirada foi solicitada polo Consello de Gardiáns, un órgano cuxa metade elixe o lexislativo e a outra metade o xefe de Estado, Ali Khamenei, e encargado de validar as candidaturas, e “algúns eruditos e simpatizantes” co fin “de preservar a unidade” do sector.

Entrementres, Zakani demandou aos dous candidatos conservadores que permanecen na carreira que unan forzas, salientando que deben evitar a conformación dun Goberno reformista e instando a continuar “o camiño de Raisi”.

Pola súa parte, Khamenei fixo un chamamento á “máxima participación”, insistindo en que “nas eleccións nas que a participación foi baixa a lingua dos inimigos alongouse”, despois de que nos comicios lexislativos deste ano a participación fora de 41% do electorado, a cifra máis baixa desde a creación da República Islámica en 1979.

A campaña electoral estivo marcada pola economía e pola situación das mulleres, despois da vaga de protestas que comezou en 2022 pola morte da kurda Mahsa Amini en custodia policial após ser detida por non levar correctamente o velo, e que deixou máis de 500 mortes entre a represión ás persoas manifestantes.

Nese sentido, Pezeshkian incidiu en que “nós non podemos obrigar as mulleres a utilizalo”, subliñando que teñen motivos para “odiar” os homes, e Pourmohammadi criticou as leis que forzan as mulleres a usalo.

Comentarios