O Partido Demócrata reafirma o apoio a Biden como candidato após fracasar no debate contra Trump

Dúbidas pola actuación do presidente no debate.
Joe Biden no debate na madrugada da sexta feira. (Foto: Kyle Mazza / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Joe Biden no debate na madrugada da sexta feira. (Foto: Kyle Mazza / Zuma Press / ContactoPhoto)

O primeiro debate presidencial na madrugada da sexta feira de cara ás eleccións de novembro nos Estados Unidos entre os dous contendentes principais, o ex presidente e candidato do Partido Republicano Donald Trump e o actual mandatario Joe Biden, que opta á reelección polo Partido Demócrata, estivo marcado polo falar rouco, as dúbidas e lapsos, aparentemente quedando sen palabras, do segundo, que activaron todas as alarmas entre os demócratas ao intensificar as preocupacións xerais pola hipotética actuación de Biden, de 81 anos, á fronte do país nun novo período.

Unha enquisa da canle CNN, que organizou o debate, apuntou que dous terzos das persoas consultadas consideraban Trump o gañador do evento, e o analista do medio John King transmitiu que os demócratas cos que falou estaban en “modo pánico total”. Á vez, a súa colega Abby Phillip destacou o medo de que o debate “fixera un dano real que non se pode desfacer”.

Mentres, membros do Congreso e cargos demócratas comunicaban á prensa sen aceptar ser citados que reclamarían a Biden que abandone a candidatura. Non obstante, poucas horas despois altos cargos do Partido Demócrata intentaron superar o debate sobre a súa retirada, ratificando o seu apoio ao presidente, admitindo iso si a súa mala actuación, e buscando centrar o debate público nas falsidades de Trump. As entidades encargadas de efectuar verificacións de datos atribuíron aos dous narrativas falsas, algo máis repetido no caso do republicano.

Nese sentido, a vicepresidenta Kamala Harris fixo fincapé en que hai que concentrarse no que fixo Biden como líder do Executivo e non no debate.

As reaccións desde o campo republicano tamén estiveron dirixidas principalmente contra Biden. O gobernador de Dacota do Norte, o republicano Doug Burgum, sostivo que o presidente non debería ser substituído posto que “os problemas creados” polos demócratas “permanecen sen importar quen sexa o candidato”.

O certo é que a única maneira de que Biden deixe de ser candidato é que el así o decida, independentemente da posición do partido. Malia que até o 19 de agosto non comeza a convención que formalizará a súa elección como candidato, as e os delegados que gañou nas primarias están obrigados legalmente a apoialo.

Sexa como for, e a pesar de que en última instancia o debate pode resultar determinante, non é a primeira ocasión na que un candidato que perde o primeiro debate acaba por alzarse coa vitoria.

Comentarios