Compostela preside as Cidades Patrimonio da Humanidade

Sanmartín reiterou o seu compromiso co "turismo sustentábel, a promoción cultural, a responsabilidade patrimonial e o recoñecemento da diversidade e da singularidade de cada cidade".
Goretti Sanmartín (diante, segunda pola dereita), na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio decorrida en Eivissa. (Foto: Toni Escobar / Europa Press)
photo_camera Goretti Sanmartín (diante, segunda pola dereita), na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio decorrida en Eivissa. (Foto: Toni Escobar / Europa Press)

Santiago asume desde onte a presidencia do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, accedeu á presidencia reiterando o seu compromiso co "turismo sustentábel, a promoción cultural, a responsabilidade patrimonial e o recoñecemento da diversidade e da singularidade de cada cidade". 

A rexedora da capital galega fixo referencia ao "gran reto" que asumirá durante a Presidencia: traballar nun documento marco que estabeleza unha folla de ruta para os próximos anos.

Entre os principais asuntos que está previsto que se inclúa nese plan de traballo, Goretti Sanmartín mencionou "a protección e conservación do patrimonio, estratexias para que as cidades sexan lugares habitados e vivos, xunto á promoción das cidades a través da diversidade propia de cada unha". 

"Etapa produtiva"

A rexedora agradeceu ao presidente saínte, o alcalde de San Cristóbal de la Laguna (Illas Canarias), Luis Yeray Gutiérrez, o seu traballo, “nunha etapa moi produtiva e cun intenso labor de promoción internacional e de consenso na protección do patrimonio" asegurou.

Nela reforzáronse alianzas en promoción turística, como o acordo co Ministerio de Turismo, ademais da asistencia ás principais feiras do sector como a Feira Internacional de Turismo (Fitur) que decorre en Madrid, ou a ITB de Berlín (Alemaña). Por outra parte, asináronse pactos con entidades homólogas, como a Asociación de Cidades Mexicanas Patrimonio Mundial.

Normalmente a Presidencia rotatoria dura un ano, coincidindo co curso político, mais La Laguna estivo seis meses máis para recuperar a periodicidade habitual alterada pola pandemia da Covid-19. 

Comentarios