Xustiza

Por que podería ser inhabilitado o alcalde de Porto do Son?

Luís Oujo (PP) está acusado dun presunto caso de prevaricación que se xulga esta semana na Audiencia Provincial da Coruña.
O alcalde de Porto do Son, Luís Oujo. (Foto: Concello de Porto do Son)
photo_camera O alcalde de Porto do Son, Luís Oujo. (Foto: Concello de Porto do Son)

O alcalde de Porto do Son (comarca de Noia), Luís Oujo, do Partido Popular, enfróntase a unha petición de "inhabilitación" por un presunto caso de prevaricación relacionado coa contratación dunha arquitecta técnica. No xuízo que decorre esta terza, cuarta e quinta feira na Audiencia Provincial da Coruña, esta é a solicitude que formulou a acusación popular fronte ao sobresemento que pide a Fiscalía.

Durante a vista, a arquitecta explicou que en 2011 o Concello de Porto do Son fíxolle un contrato de seis meses "por decreto", e relatou que continuou traballando para o mesmo até 2016 sen formalizar "ningún tipo de prórroga" senón que adxudicado "de maneira verbal e directa". "Todas as obras do Concello eran dirixidas por min, nunhas asinaba e noutras non", concretou.

A este respecto, tanto a interventora como o secretario municipal apuntaron a posíbeis "irregularidades" na súa contratación. "O expediente administrativo polas miñas mans non pasou, non sei se había algún documento informal", sinalou a interventora na súa declaración.

Ambos os dous coincidiron en que os contratos menores "non poden prorrogarse" e que as contratacións verbais "non están permitidas". Con todo, aseguraron que é unha "situación moi frecuente, desafortunadamente común, que aínda pervive nalgún Concello".

Feitos

Segundo apunta o escrito fiscal, o feitos obxecto de xuízo ocorreron en 2011, cando Oujo entrou a gobernar e o Concello contratou esta persoa por un período inicial dun ano e o contrato, despois, foise alongando, para o que a Administración local tivo que levantar diferentes reparos.

Está previsto que o acusado declare esta quinta feira, día 4, tras a petición da súa defensa de comparecer ao final da práctica da proba, unha solicitude aceptada polo tribunal.

Comentarios