Asinado o manifesto polo tren Vigo-Porto, un proxecto "vertebrador"

O Eixo Atlántico rexeita apoiar o pacto escenificado esta terza feira en Valença.
Carlos Cunha e Alfonso Rueda, esta terza feira, na sinatura do manifesto. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Carlos Cunha e Alfonso Rueda, esta terza feira, na sinatura do manifesto. (Foto: Xunta da Galiza)

O Eixo Atlántico, asociación de concellos transfronteirizos entre a Galiza e Portugal, rexeitou o convite da Xunta da Galiza para adherirse ao manifesto Conexión Galicia-Portugal de alta velocidade: unha prioridade evidente, que esta entidade cualifica de "acto propagandístico" do Goberno galego, polo que opta por desmarcarse "totalmente" do texto.

Nun comunicado remitido aos medios, o Eixo Atlántico salienta que a conexión ferroviaria entre Galiza e Lisboa está "plenamente garantida", xa que o Goberno de Portugal "está a cumprir todos os trámites no calendario previsto e mesmo analiza a posibilidade de adiantar os tempos na conexión Braga–Aeroporto Francisco Sá Carneiro", por onde transcorrerá a nova liña.

Este posicionamento deuse a coñecer esta terza feira, o mesmo día en que en Valença do Minho o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, Carlos Cunha, asinaban o manifesto, para impulsar e executar a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa. “É unha infraestrutura prioritaria e vital para a Galiza e para que sexa unha realidade precísase unha planificación, orzamentos e prazos concretos”, destacou Rueda.

"Proxecto vertebrador"

Carlos Cunha, pola súa parte, considera a Alta Velocidade "un proxecto vertebrador cun impacto estruturante en todo o noroeste peninsular". Ao tempo, lembrou que o espazo da antiga Alfândega de Valença [onde se asinou o manifesto] debe servir para marcar un novo paso "no futuro dos dous pobos".

Entre as entidades que deron o seu apoio a este manifesto están até o de agora as confederacións de empresarios; as deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); as universidades de Santiago e A Coruña; a Associação Empresarial de Portugal; ou a universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, entre outras.

O desmarque do Eixo Atlántico, creado en 1992 e cunha ampla traxectoria de traballo polos intereses da Galiza e Norte de Portugal, non é un asunto menor. Considera "innecesario" tanto o manifesto como o que o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, define como "sarao propagandístico sen ningún efecto práctico" e, sobre todo, "sen ningunha necesidade".

Comentarios