A recadación xestionada na Galiza caeu un 6% en 2023

O BNG e o PSdeG censuran a política fiscal da Xunta da Galiza
collage-web
photo_camera A directora de Atriga, Sonia Lafont; Noa Presas (BNG) e Patricia Igrexas (PSdeG)

xestionada pola Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) foi en 2023 de 632 millóns de euros, un 6% menos que no exercicio anterior e, en materia de loita contra a fraude, afloraron 90,5 millóns de euros de débeda non declarada.

A directora de Atriga, Sonia Lafont, compareceu esta sexta feira ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego para presentar o balance da actividade deste organismo correspondente a 2023. Segundo explicou Lafont, a recadación líquida total foi de 632,3 millóns de euros, máis da metade polo imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, seguido polo recadado co imposto de sucesións e doazóns e co imposto de patrimonio.

Durante o pasado ano, afloraron 90,5 millóns de euros de débeda, aínda que o 95% das galegas e galegos cumpren de forma voluntaria coas súas obrigas tributarias, afirmou.

Con respecto aos controis, sinalou a directora da Axencia, o 94% das comprobacións de liquidacións foron conformes, aínda que se abriron 2.747 procedementos sancionadores e detectáronse 60,9 millóns de impagamentos; nos controis intensivos, realizáronse 457 investigacións e impuxéronse sancións por 7 millóns.

Críticas da oposición

Após a comparecencia da directora da Atriga, as representantes do BNG e PSdeG  censuraron a política fiscal e tributaria da Xunta da Galiza, e afearon ao Goberno galego as súas medidas para beneficiar "os que máis teñen".

Así, Noa Presas (BNG) constatou que "a Galiza sae perdendo" coa política fiscal do Goberno galego, e sobre todo "as clases populares", e advertiu de que a posición do Executivo está enmarcada nunha tendencia de "agudizar as políticas neoliberais". Igualmente, censurou que a Xunta "non cre" no autogoberno fiscal, e que "non hai unha folla de ruta" sobre o uso dos beneficios fiscais.

Pola súa parte, Patricia Igrexas (PSdeG) acusou o Executivo galego de "emular cada vez máis" a política fiscal de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, baixando os impostos ás rendas máis altas, "por conta da calidade dos servizos públicos". 

A respecto do anterior, a deputada socialista remarcou que, con esas rebaixas, deixáronse de ingresar 257 millóns, e subliñou que as baixadas de impostos "non cumpriron a súa pretendida finalidade".

Sen 2.382 millóns

As críticas da oposición cara á política fiscal do Goberno galego prodúcense ao abeiro do informe presentado polo Consello de Contas a finais do pasado mes de maio. Un documento sobre o sistema de financiamento no que o órgano fiscalizador indicaba que a capacidade tributaria normativa e a capacidade tributaria real na Galiza están separadas, entre 2009 e 2021, por unha diferenza de 2.382 millóns de euros.

A primeira —a normativa— é o cálculo obrigado por lei que se fai para obter os recursos por cada imposto na comunidade. A segunda —a real—, é o importe efectivo que ingresa a comunidade por cada tributo. Así, se unha comunidade, como é o caso da Galiza, recorta impostos e taxas, ingresa menos do previsto. No caso galego, 2.383 millóns menos en 12 anos.

Comentarios