Parlamento

O Parlamento retoma a comisión para estudar o modelo de financiamento para Galiza

O seu labor centrarase na elaboración dun ditame despois das comparecencias das persoas expertas que tiveron lugar na pasada lexislatura e após analizar a documentación presentada.
Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)

O Parlamento da Galiza vén de reactivar a comisión de estudo posta en marcha en novembro de 2021 para abordar a proposta do país no novo modelo de financiamento autonómico. O seu labor centrarase na elaboración dun ditame despois das comparecencias das persoas expertas que tiveron lugar na pasada lexislatura e após analizar a documentación presentada. Entre outros, neste órgano citouse economistas como Santiago Lago, María Cadaval, Xoaquín Fernández Leiceaga ou a ex conselleira Elena Muñoz, así como o actual titular de Facenda, Miguel Corgos.

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces desta terza feira, a viceportavoz parlamentaria e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, informou de que a Mesa da Cámara aceptou a solicitude do seu grupo para reactivar este órgano. Segundo detallou, o seguinte paso será a convocatoria para a constitución do órgano para que, posteriormente, poidan aprobarse as normas de funcionamento e mais o plan de traballo.

Paula Prado cualificou de "paradoxal" que o BNG pida "ambición" nesta comisión de estudo sobre o financiamento á vez que "insiste en defender unha cota para Galiza nunha negociación bilateral co goberno".

"Non hai máis cego que o que non quere ver", dixo Paula Prado, que sostivo que "a práctica totalidade dos expertos que compareceron nesta comisión", "fóra dunha única persoa proposta polos nacionalistas", incidiu "no prexudicial que sería para Galiza a extensión do unha cota foral ou a cesión de máis porcentaxe de impostos sobre a renda ás comunidades autónomas".

Fronte a iso, a parlamentaria popular subliñou que a Xunta da Galiza e o Partido Popular seguirán defendendo unha "negociación multilateral xusta e equitativa" do financiamento autonómico, de forma que se atendan ás necesidades específicas da poboación para que se poida atender a prestación de servizos públicos en igualdade de condicións para todos os españois.

"Temos claro que Galiza necesita máis financiamento para atender as súas necesidades, como puxo de manifesto o propio Consello de Contas, pero para nada compartimos o slogan do BNG", dixo a popular, que afirmou que se debe ter en conta que "a Comunidade galega recibe cada ano 2.500 millóns máis dos que achega".

Comentarios