Eleccións no Reino Unido

Os laboristas aspiran ao mellor resultado da historia das lexislativas no Reino Unido para levar Starmer a Downing Street

Apenas resta coñecer as cifras da vitoria e se a caída do Partido Conservador suporá incluso a perda da segunda praza.
O líder e candidato do Partido Laborista, Keir Starmer (centro), a cuarta feira, nun acto acompañado polo primeiro ministro galés, Vaughan Gething (dereita), e Martha O’Neil (esquerda), candidata no distrito de Carmarthenshire. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera O líder e candidato do Partido Laborista, Keir Starmer (centro), a cuarta feira, nun acto acompañado polo primeiro ministro galés, Vaughan Gething (dereita), e Martha O’Neil (esquerda), candidata no distrito de Carmarthenshire. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press)

O Partido Laborista ten unha “probabilidade superior a 99%” de gañar a quinta feira nas eleccións xerais do Reino Unido máis de 418 escanos -a maioría absoluta da Cámara dos Comúns está fixada en 326 asentos-, conclúe unha enquisa da axencia de investigación demoscópica Survation na que participaron 34.559 persoas. O traballo incide en que a probabilidade de que a formación de Keir Starmer, previsíbel novo primeiro ministro, supere os 470 do Partido Conservador en 1931 -récord absoluto nos comicios nun ano no que se votou en 615 distritos a diferenza dos 650 actuais, por cada un dos que se escolle unha persoa-, é de 78%.

Entre os conservadores, aínda no Goberno que encabeza o primeiro ministro Rishi Sunak -que non alcanzará o seu segundo aniversario no cargo-, a derrota está sobradamente asumida. Mel Stride, secretario de Estado de Traballo e Pensións, ao comezo a cuarta feira da última xornada de campaña, admitiu que “é moi probábel” que as votacións rematen coa “maioría máis grande que calquera partido lograra xamais” e cunha “extraordinaria vitoria” dos laboristas.

Pola súa parte, a titular de Interior até novembro de 2023, Suella Braverman, indicou nun artigo no xornal Daily Telegraph que as eleccións “remataron” e o obxectivo agora é “formar unha oposición forte dabondo”. Nesa liña, instou a reflexionar sobre os motivos polos que perderán o liderado do Executivo 14 anos despois, afirmando que non foron quen de “reducir a inmigración ou os impostos” e combater a popularidade da extrema dereita de Reforma UK.

O propio Sunak reiterou nas súas mensaxes o termo “supermaioría”, alertando sobre esta posibilidade, mais tratou de diminuír o derrotismo nas súas filas asegurando que viu unha análise que sostén que “se só 132.000 votantes” nas circunscricións máis disputadas cambiasen o seu sufraxio os laboristas non terían maioría. Porén, subliña o diario The Guardian, a análise non é correcta e a transferencia de votos debería ser moito maior. Nunha tentativa á desesperada, na recta final de campaña os tories devolveron ao primeiro plano o polémico Boris Johnson, que levou o partido á maioría absoluta nas anteriores xerais, en 2019, forzado a dimitir como primeiro ministro en 2022 entre múltiples escándalos, deixando o Goberno nas mans de Liz Truss, substituída por Sunak apenas mes e medio despois.

A pesar da ampla maioría que as sondaxes prevén para os laboristas, as da última semana oscilan entre 429 e 484 escanos, a nivel global de votos a media das enquisas do último ano da canle BBC colócaos en 40% tras unha baixada de cinco puntos nun mes. Nese tempo diminuíu tres puntos o Partido Conservador (21%) en paralelo á suba de Reforma UK, que sumaría 16%, seguida polo Liberal Demócratas, con 11%, e os Verdes, con 6%, mentres que o soberanista e progresista Partido Nacional Escocés (SNP) ficaría con 3% e o Plaid Cymru, con 1%.

Con todo, as diverxencias entre estes díxitos e o repartimento xeral na Cámara dos Comúns provocadas polo sistema electoral causa que ao trasladarse os datos ás proxeccións do novo lexislativo -Survation incide en que é “case seguro” que será o máis desproporcionado das últimas oito décadas- os conservadores e os liberal demócratas estean a loitar por liderar a oposición, por exemplo, algo que os segundos non fan hai case 120 anos, ante a que se presenta como a elección na que os primeiros obterán o seu peor resultado en porcentaxe de votos nunhas lexislativas desde a súa fundación en 1834.

As últimas enquisas outorgan ao oficialmente Partido Conservador e Unionista entre 117 e 60 deputadas e deputados, e ao Liberal Demócratas entre 42 e 71, e a cuarta posición da Cámara será ou para o SNP (10-24) ou para Reforma (1-18). Os nacionalistas galeses do Plaid faríanse con 2-4 e os Verdes con 1-4.

Nacións sen Estado

No tocante a Irlanda do Norte a sondaxe do Belfast Telegraph apunta que o Sinn Féin (SF) sería o máis votado con 23%, por diante do conservador Partido Democrático Unionista (DUP), con 21%, a liberal Alianza, con 18%, e o tamén nacionalista Partido Socialdemócrata e Laborista (SDLP), con 14%. Pola súa parte, o Partido Unionista do Ulster (UUP), conservador, tería 13%. A estimación de Electoral Calculus indica que o SF logrará sete, os mesmos do DUP, dous o SDLP, un Alianza e outro o UUP.

Isto suporía a perda dun escano por parte do DUP, con posibilidades de que sexa o que ocupa o seu líder, Gavin Robinson, a favor de Alianza, consolidando o imaxinario social arredor de que o “SF está en ascenso e os partidos unionistas en declive” e reforzando “a sensación de que a unidade irlandesa se achega potencialmente”, explica o editor do xornal norteirlandés Sam McBride.

En Escocia, John Swinney, líder do SNP e do país, fixo fincapé en que os laboristas “non precisan ningún deputado escocés para gañar estas eleccións”, inquirindo se o pobo quere parlamentarios que “fagan o que lles diga Starmer” ou que “defendan Escocia, protexan os intereses escoceses e fagan campaña contra a austeridade que o Partido Laborista imporá en Escocia”.

O SNP, incluso no mellor escenario ofrecido polas sondaxes, perdería a metade dos 48 asentos que ten e pugna nos 57 distritos que reparte Escocia co Partido Laborista por manterse como primeira forza a nivel nacional. Un traballo demoscópico difundido polo periódico The Scotsman prognostica que o SNP quedará con 34% das papeletas do país e 24 postos, e os de Starmer con 31% e 22.

Malia a caída, este resultado abriría a porta a que os soberanistas freasen o descenso en intención de voto após sucesivas crises e constataría que a elección de Swinney “chegou xusto a tempo”, remarca Chris Hopkins, director de investigación política de Savanta, a firma que fixo a enquisa.

Xa en Gales, o Plaid está en disposición de gañar un escano máis con até 14% de apoios no territorio, refire YouGov, con opcións de alcanzar unha segunda posición que pelexan tamén conservadores e Reforma, cos laboristas en 40%. No que atinxe a Cornualla, onde non participan forzas soberanistas, prevese un reparto entre laboristas (4) e liberal demócratas (2). 

Pobreza e apostas

O certo é que as políticas conservadoras, marcadas pola restrición ao gasto social, a intensificación da liberalización da economía e a loita contra a migración, cuxo máximo expoñente é a lei para enviar solicitantes de asilo a Ruanda, levaron ao incremento do nivel de pobreza, que xa afecta 14 das case 68 millóns de persoas que viven no país.

Nese sentido, un de cada cinco habitantes non pode pagar os alimentos ou a electricidade que precisa, dous elementos que sufriron unha marcada escalada de prezos nos últimos exercicios.

Non obstante, e como aconteceu co anterior primeiro ministro laborista electo nas urnas, Tony Blair, que gobernou de 1997 a 2007 antes de ceder o testemuño a Gordon Brown, que fechou a etapa laborista en 2010, a súa chegada ao poder prodúcese da man da facción máis á dereita da formación, polo que está en cuestión até que punto están dispostos a adoptar medidas económicas moi diferentes.

Unha vez que Starmer alcanzou o liderado en 2020 desatou unha purga aos cargos máis á esquerda. Con anterioridade xa participara na campaña contra o seu predecesor, Jeremy Corbyn, que encabezaba esa tendencia, para acusalo de antisemitismo pola súa defensa de Palestina, e que derivou na súa saída do posto. Precisamente a posición pro israelí de Starmer é unha das maiores críticas á formación, cuxas persoas candidatas e simpatizantes foron apupadas por activistas en áreas cun alto índice de apoio a Palestina.

Tras a elección de Starmer 150.000 militantes racharon o carné laborista, nunha onda que se replicou entre xaneiro e abril deste ano con 23.000 baixas. Con todo, a nivel mediático o eixo principal da campaña foi o escándalo das apostas que estoupou hai tres semanas ao revelarse que un secretario do primeiro ministro e candidato conservador, Craig Williams, apostou arredor da data na que decorrerían as eleccións, adiantadas por sorpresa por Sunak, ao que seguiu unha fervenza de casos semellantes coa implicación do seu xefe de Gabinete, Liam Booth-Smith, ou do director da campaña conservadora, Tony Lee, e a súa parella, a candidata do mesmo partido Laura Saunders, así como doutros cargos como Alister Jack, secretario de Estado para Escocia, ante a sospeita de que puideron contar con información privilexiada.

Tamén se abriron pescudas contra sete axentes policiais, un candidato laborista, Kevin Craig, que apostou que perdería no seu distrito ou o líder de Liberal Demócratas Escoceses, Alex Cole-Hamilton, por apostar sobre as candidatas da formación.

Comentarios