Xustiza

O xuíz suspende a declaración de Begoña Gómez e cítaa de novo para o 19 de xullo

A esposa de Pedro Sánchez acudiu aos Xulgados de Madrid para declarar na causa na que se lle acusa da presunta comisión dos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios, un procedemento aberto a raíz dunha serie de informacións publicadas en medios de comunicación da órbita da dereita española.
O avogado da organización ultra Hazte Oír, Javier María Pérez Roldán, saíndo dos Xulgados de Madrid esta sexta feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O avogado da organización ultra Hazte Oír, Javier María Pérez Roldán, saíndo dos Xulgados de Madrid esta sexta feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O xuíz Juan Carlos Peinado acordou esta sexta feira suspender a declaración de Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, aos 30 minutos de que comparecese a investigada no seu Xulgado. Citouna de novo para que compareza o próximo 19 de xullo, ás 10 horas, pola presunta comisión dos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios, unha causa aberta a raíz dunha serie de informacións publicadas en medios de comunicación da órbita da dereita española.

Así o notificaron fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press que precisan tamén que o interrogatorio foi suspendido porque unha das querelas, a da organización ultra Hazte Oír, non fora notificada correctamente á defensa de Gómez. Durante o tempo que estivo na sala de declaracións do Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid, Gómez limitouse a dicir que descoñecía as razóns polas que está a ser investigada. Ante a súa afirmación, o xuíz acordou un breve receso para que as acusacións abandonasen a sala e a súa defensa fose informada das querelas que forman parte do procedemento.

Ao retomar a declaración e permitir o acceso a todas as partes, o xuíz decidiu suspender o interrogatorio e aprazalo para o próximo 19 de xullo. As mesmas fontes xurídicas confirman que durante a vista desta sexta feira o xuíz rexeitou a petición da defensa de Gómez de que só se gravase o son da declaración, e por tanto a declaración foi gravada tamén con vídeo. O avogado solicitara esta excepción tendo en conta que é unha persoa de "relevancia pública". Estiveron presentes no interrogatorio a acusación popular de Vox, Hazte Oír, Iustitia Europa e Movemento de Rexeneración Política. A Fiscalía tamén acudiu.

Gran presenza policial

Begoña Gómez, que estaba citada ás 10 horas, chegou á porta do xulgado ás 10.18h vestida de traxe negro e acompañada de catro persoas. Tras baixar do ascensor dirixiuse directamente á porta do Xulgado de Instrución número 41, un tramo de cinco metros aproximadamente. Ao termo da súa declaración, saíu tamén acompañada de persoal de seguridade.

Case unha decena de furgóns situáronse desde as 7.30 horas nos arredores dos xulgados de Praza de Castilla para esperar a chegada de Gómez, que tiña permiso para acceder á sede xudicial a través do garaxe por motivos de seguridade. Pola súa parte, os numerosos xornalistas que facían garda desde moi cedo foron colocados nunha zona valada en metade do Paseo da Castellana, e non na beirarrúa dos xulgados, como adoita ocorrer noutras declaracións.

Gómez estaba citada a declarar como investigada por presuntos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios no marco dunha causa que ten a súa orixe nunha denuncia de Manos Limpas, pero na que tamén exercen a acusación popular outras asociacións da órbita da dereita e a extrema dereita españolas.

A defensa, "sorprendida"

Tras a suspensión, o avogado de Begoña Gómez, o ex ministro Antonio Camacho, sinalou en declaracións aos medios congregados ás portas dos xulgados que a súa clienta "quería colaborar coa Administración de Xustiza" e viña disposta a declarar "se o xuíz aclaraba os feitos obxecto de investigación". Con todo, matizou que toda persoa investigada ten dereito a ter coñecemento dos feitos polos que se lle vai a interrogar e apuntou que o maxistrado Juan Carlos Peinado sorprendeunos "novamente" esta sexta feira porque, a pesar de que nun último auto limitaba os feitos á denuncia inicial de Manos Limpas, indicou agora que existía unha nova querela, a de Hazte Oír.

O letrado sostivo que en ningún momento se lles notificara esta querela, e explicou que o xuíz quixo que tomasen coñecemento da mesma esta sexta e que con posterioridade prestase declaración. Camacho engadiu que, tras pedir ao xulgado que se lles dese traslado desa querela, que se suma á de Manos Limpas, tomaron a decisión de non declarar e solicitaron a suspensión da mesma porque "non cabe a posibilidade nun sistema avanzado de que se notifique unha querela e se pretenda que se preste declaración inmediatamente". E o xuíz acordou suspendela, tal e como pedía Camacho.

"Creo que tomamos a mellor decisión non só para o dereito de defensa da investigada senón para a defensa do Estado de Dereito", indicou, para logo avanzar que tamén se oporán a que se tome declaración testifical esta sexta feira ao reitor da Universidade Complutense de Madrid (UCM), Joaquín Goyache, dado que se lle ía preguntar por feitos recolleitos nesa querela de Hazte Oír.

Camacho explicou que nesta causa están a producirse "cousas singulares, querelas que non son notificadas, notificacións que chegan tarde", pero apuntou que "probabelmente teña a ver coa carga de traballo do Xulgado". Neste senso, sostivo que a petición de suspensión non é unha "argucia" da defensa e apuntou que, de feito, o propio letrado da Administración de Xustiza recoñeceu que se lles notificou a querela porque a admisión da mesma foi ditada "nun procedemento no que non eran parte".

Camacho sostivo que Begoña Gómez está "perfectamente", "como se atopan as persoas que son inocentes, sen prexuízo de que isto non é agradábel para ninguén", e reiterou que "ten ganas de demostrar a súa inocencia". Lembrou ademais que tras o auto da Audiencia Provincial de Madrid que acoutaba a investigación ao bloque de feitos que se quedou a Fiscalía Europea, contratos públicos adxudicados ao empresario Juan Carlos Barrabés, "esta causa non ten á investigada ou non se está investigando en relación á miña representada".

Comentarios