Xustiza

A Garda Civil non ve indicios de delito na actuación da esposa de Pedro Sánchez

A UCO desmonta coas súas pescudas o argumentario da organización Manos Limpias, que se querelou contra Begoña Gómez baseándose nunha serie de informacións que o propio colectivo afirmou despois que poderían non ser veraces.
Begoña Gómez, consultora e muller do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Begoña Gómez, consultora e muller do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil non atopou indicios do delito de tráfico de influencias denunciado pola organización Manos Limpias o pasado mes de abril en relación cos traballos de Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, segundo adianta esta terza feira o diario El País.

Nun informe enviado a Juan Carlos Peinado, o xuíz que abriu dilixencias contra Gómez tras a denuncia de Manos Limpias, a UCO explica que non aprecia que a esposa do xefe do Executivo tivese algunha influencia no rescate da aerolínea Air Europa nin tampouco nos concursos convocados por Red.es para distintos plans de formación en novas tecnoloxías.

En concreto, segundo as pescudas da Garda Civil, "non se ten constancia" de que o feito de que Begoña Gómez coincidise con Javier Hidalgo, un dos directivos de Globalia —grupo propietario de Air Europa—, "puidese estar vinculado á decisión ministerial do rescate a Air Europa", segundo explican fontes coñecedoras do caso citadas polo diario.

Por outra parte, examina que dúas das axudas de Red.es a Innova Next, propiedade de Juan Carlos Berrabés, profesor do máster da cátedra da Universidade Complutense que codirixía a muller do presidente, contaron con cartas de recomendación de Gómez, pero que dita empresa xa recibira até 28 contratos da Administración pública ao longo dos últimos anos, un deles do Concello de Madrid, baixo goberno do PP.

O informe conclúe que non se atoparon vínculos entre esas persoas que asinaron as cualificacións das distintas ofertas e Begoña Gómez. Ademais, a UCO sostén que "non se identificaron indicios" do que afirmaba a querela de Manos Limpias ao soster que foi Barrabés quen "montou o Máster de Transformación Social Competitiva" de Begoña Gómez.

Por último, o Instituto Armado observa tamén que Gómez non recibiu ningunha subvención pública, segundo recolle a Base de Datos Nacional de Subvencións. Un xornal dixital afirmara que a muller de Sánchez fora beneficiaria dunha suposta subvención que logo se demostrou que correspondía a outra empresaria co mesmo nome.

Comentarios