O BNG chama a unha mobilización masiva o Dia da Patria Galega

O BNG presentou este sábado en Santiago a campaña deste 2024 para o Día da Patria Galega e chamou a unha mobilización masiva o 25 de xullo en Compostela.

Xavier Campos e Lucía Pérez na presentación da campaña e lema 25 xullo
photo_camera Xavier Campos e Lucía Pérez na presentación da campaña do BNG do Dia da Patria Galega de 2024. (Foto: Nós Diario)

Os nacionalistas prepáranse para un Día da Patria Galega histórico. Os responsábeis da organización agardan unha participación masiva na manifestación do 25 de xullo en Compostela e promoven toda unha serie de actos previos polo conxunto do país.

O responsábel de comunicación do BNG, Xavier Campos, contextualizou o Dia  da Patria Galega de 2024 nun marco especial e no "mellor momento da historia do BNG", polos resultados alcanzados nos dous últimos procesos electorais e pola “súa capacidade de mobilización en defensa dos intereses do país”.

 "Somos unha nación viva, dinámica e activa. Somos unha nación con forza e o BNG é a forza política deste país", subliñou Campos, quen asegurou que o BNG afronta o 25 de xullo desde unha perspectiva "inclusiva, ampla e integradora".

Campos apuntou que “hai moitas formas de sentirse galegos e galegas e todas elas son necesarias para construír a Galiza mellor que queremos, porque Galiza é a nación que compartimos e que facemos día a día desde a diversidade".

A responsábel de organización do BNG, Lucía López, quen participou con Campos na presentación dos actos do Día da Patria Galega do BNG, fixo unha chamada á participación "nunha data referencial no calendario na que expresamos a nosa vontade irrenunciábel de que Galiza poida exercer os seus dereitos nacionais e a necesidade dun novo marco político que dote á nosa nación de soberanía”.

“Todas as causas xustas”

"Na manifestación do 25 de xullo confluirán todas as causas xustas que están en loita agora mesmo neste país e todas as causas xustas da humanidade", afirmou López, quen asegurou  que será unha "gran mobilización nacional en defensa de Galiza e do dereito da nosa nación a ser e existir en pé de igualdade cos demais pobos do mundo".

López apuntou que o Día da Patria Galega deste ano desenvólvese nun contexto de "declive socioeconómico" e cunha "ofensiva de espolio dos nosos recursos e de destrución do territorio". Na mesma dirección, referise ao escenario internacional "marcado por unha perigosa escalada belicosa que ten o seu reflexo máis cruel no xenocidio que o terrorismo sionista está a exercer contra o pobo palestino".

Comentarios