Xustiza

Estes son os oito xuristas pactados por PP e PSOE para o novo CXPX que teñen que pasar o 'exame' das Cortes

As Cortes Xerais deben renovar os 20 vogais do Consello. Doce deles terán que ser xuíces ou maxistrados e os outros oito, xuristas —catedráticos ou profesionais do dereito—.
Sede do Consello Xeral do Poder Xudicial en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Sede do Consello Xeral do Poder Xudicial en Madrid. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Os candidatos pactados polo PSOE e o PP para ocupar as oito prazas do Consello Xeral do Poder Xudicial reservadas para xuristas de recoñecido prestixio someteranse esta semana ao exame de idoneidade das Cortes. En concreto, será a vindeira terza feira cando o Congreso e o Senado convoquen as súas respectivas Comisións de Nomeamentos, o órgano encargado de levar acabo este trámite.

As Cortes Xerais deben renovar os 20 vogais do Consello. Doce deles terán que ser xuíces ou maxistrados e os outros oito, xuristas —catedráticos ou profesionais do dereito—. En cada cámara elíxense dez deses vogais —seis xuíces e catro xuristas— e para o seu nomeamento requírese unha maioría cualificada de tres quintos do hemiciclo.

Tras o acordo asinado polos dous grandes partidos abriuse un prazo para que os grupos rexistrasen os seus candidatos, pero só para a cota de xuristas, xa que os doce xuíces e maxistrados saen da lista que remitiu no seu día o CXPX ás Cortes cos cincuenta candidatos propostos por asociacións xudiciais e por avais de membros da carreira xudicial.

Catro xuristas en cada Cámara

No Congreso, o PP e o PSOE propuxeron José Luis Costa Pillado, actual presidente do Consello Consultivo da Galiza e ex presidente do Tribunal Superior de Xustiza do noso país; Inés Herreros Hernández, ex presidenta da Unión Progresista de Fiscais (UPF); Pilar Jiménez Bados, fiscal superior de Cantabria, e Argelia Queralt Jiménez, letrada do Tribunal Constitucional e profesora de Dereito Constitucional na Universidade de Barcelona.

Paralelamente, os dous partidos presentaron outro escrito no Senado propondo a Ricardo Bodas, maxistrado xubilado do Supremo; Bernardo Fernández Pérez, ex conselleiro asturiano nos anos 80 e 90 e presidente do Consello Consultivo autonómico até 2018; Luis Martín Contreras, letrado da Administración de Xustiza da Sala Terceira do Tribunal Supremo, e Isabel Revuelta, letrada de Cortes que pasou na primavera ao Senado tras varios anos no Congreso.

Estas e estes oito xuristas son os únicos que deben pasar un exame previo de idoneidade na Comisión de Nomeamentos da Cámara correspondente, xa que os candidatos e candidatas da carreira xudicial están eximidos de comparecer, pois se entende que o CXPX xa certificou que cumprían as condicións cando enviou a súa lista ás Cortes.

Dous anos con vacante no Constitucional

Unha vez os xuristas conten co aprobado as propostas elevaranse a votación no pleno do Congreso e o do Senado, o que sucederá previsibelmente os próximos 23 e 24 de xullo, respectivamente. Paralelamente, no Senado abriuse un prazo para que as asembleas das comunidades autónomas propuxesen os seus candidatos para cubrir a vacante que deixou no Tribunal Constitucional en xullo de 2022 Alfredo Montoya, quen renunciou por motivos de saúde.

Ese posto corresponde ao PP, que acordou cos socialistas promover José María Macías, actual vogal do CXPX do bloque conservador. Neste caso, a súa candidatura foi rexistrada pola Deputación Permanente do Parlamento da Rioxa e tras lograr a idoneidade votarase no pleno o día 24.

Con todo, na orde do día da Comisión de Nomeamentos incluíuse tamén a comparecencia dos aspirantes propostos o ano pasado por outras comunidades gobernadas polos populares, unhas candidaturas que quedaron vivas tras a disolución das Cortes con motivo das eleccións estatais de hai un ano e que nunca foron retiradas.

Por iso formalmente están citados tamén para a terza feira no Senado o maxistrado da Audiencia Nacional José Ricardo de Prada, proposto por Aragón; o xuíz José Luís Costa, promovido pola Galiza; o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura, Aurelio Blanco Peñalver, e o ex presidente do Consello Consultivo andaluz Juan Bautista Cano. Con todo, non se espera que acudan á cita.

Comentarios