PSOE e PP cruzan reproches no Congreso ao tempo que reivindican o seu acordo para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial

Despois de máis de cinco anos de bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Congreso español deu esta quinta feira o primeiro paso para reformar a Lei do Poder Xudicial (LOPX), a cal forma parte do acordo entre PP e PSOE para a renovación do órgano. Os partidos soberanistas acusan o Partido Socialista de esquecer o 'lawfare' no seu pacto co PP.
O ministro español de Xustiza, Félix Bolaños, sostén polo brazo ao vicesecretario popular Elías Bendodo, esta terza feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Xustiza, Félix Bolaños, sostén polo brazo ao vicesecretario popular Elías Bendodo, esta terza feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Tras máis de cinco anos de bloqueo, o Congreso español deu esta quinta feira o primeiro paso para tramitar a proposta de lei que reformará a Lei do Poder Xudicial (LOPX) e o Estatuto do Ministerio Fiscal co fin de regular as denominadas 'portas xiratorias' na Xustiza, reforzar as maiorías ao aprobar nomeamentos xudiciais e emprazar o novo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a realizar propostas sobre posíbeis cambios no sistema de elección de vogais.

Esta reforma lexislativa, que forma parte do pacto entre o Partido Popular e o Partido Socialista para renovar o CXPX, tramitarase polo procedemento de urxencia para ser aprobada en tres sesións plenarias no Congreso e unha no Senado. De feito, a proposición foi cualificada esta terza feira pola Mesa do Congreso, o mesmo día que se publicou no Boletín das Cortes, tras o que o Goberno español só tardou pouco máis dunha hora en comunicar a súa conformidade para que fose debatida esta quinta feira.

Unha vez que a lei sexa tomada en consideración, os grupos  terán até o 9 de xullo para presentar emendas, que no caso das de totalidade exixirán a presentación dun texto alternativo, polo que non bastará con pedir a devolución. O día 11 prevese que decorra o debate de totalidade, e unha semana despois debaterase na Comisión de Xustiza para, previsibelmente, ser aprobada no Congreso o día 23 e remitida ao Senado, que podería dar luz verde definitiva o día seguinte. 

A suma de PP e PSOE, por encima dos dous terzos en senllas cámaras, aseguraría que a reforma supere as votacións nas fases do procedemento. Ademais, populares e socialistas teñen comprometido que non aceptarán ningunha emenda que non leve a sinatura dos dous partidos.

Reproches a pesar do acordo 

Neste primeiro exame parlamentario, a iniciativa obtivo o apoio dos 257 deputados e deputadas de PP, PSOE e Coalición Canaria, así como do ex socialista José Luis Ábalos, ademais das 43 abstencións de Sumar, Partido Nacionalista Vasco e Unión del Pueblo Navarro. Votaron en contra Vox, Podemos, Junts e Gabriel Rufián, este último previsibelmente por erro, xa que Esquerra Republicana de Catalunya, así como o Bloque Nacionalista Galego e Bildu, decidiron non participar na votación.

A pesar da defensa do seu acordo, a sesión non estivo exento de reproches entre o PP e o PSOE. Neste sentido, o portavoz socialista, Patxi López, sinalou que "parece que lles dá vergoña chegar a un acordo ou que seguen tendo medo a que haxa algúns ou algunhas dentro do seu propio partido que están enfadados". 

Ao seu xuízo, o PP "é un partido esencial na estrutura política" do Estado, mais levaba cinco anos de incumprimento permanente da Constitución tendo "secuestrado" o CXPX nun "longo e tortuoso camiño infestado fundamentalmente de escusas".

Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Tellado, afirmou que o presidente Pedro Sánchez converteuse "no máximo expoñente do discurso populista" e dedicouse a "colonizar" institucións con nomeamentos politizados, argumentación que usou para defenderse dos reproches polo bloqueo do CXPX.

Ademais, Tellado insistiu en que seguen querendo cambiar o sistema de elección dos vogais do CXPX e que neste sentido confía na disposición adicional da reforma, que obriga o novo Consello a facer propostas nese sentido nun prazo de seis meses.

División no Executivo

A nova lei non vai acabar "coa guerra xurídica" dos tribunais, di Enrique Santiago

Desde Sumar, o seu portavoz de Xustiza, Enrique Santiago, acusou o PP de ter "secuestrado" cinco anos o CXPX e por iso considera "unha boa noticia" que se vaia pór fin a esta situación, mais ao mesmo tempo considerou que este acordo non vai acabar "coa guerra xurídica" que ao seu xuízo practican os tribunais contra "calquera considerado inimigo polas dereitas".

"Non imos permitir que se frustre a renovación imprescindíbel do Consello do Poder Xudicial, mais tampouco daremos un voto favorábel a unha proposición de lei con importantes imprecisións, deficiencias e baleiros, e cuxo texto coñecemos cando se rexistrou", sinalou Santiago xustificando a súa abstención.

"Non cambia nada" contra as persecucións xudiciais

O BNG, así como ERC e Bildu, desmarcáronse esta quinta feira da renovación do CXPX e censuraron, entre outras cuestións, que o acordo alcanzado entre PP e PSOE "non cambia nada" e segue favorecendo as persecucións xudiciais que definen como 'lawfare'.

O acordo abre a porta a que "xuíces fascistas nomeen máis xuíces fascistas", segundo Néstor Rego

O portavoz do BNG, Néstor Rego, cargou contra o PSOE por alcanzar o acordo co PP fomentando o "bipartidismo tradicional" e lamentou que a reforma proposta non resolva "nada" e abra a porta a que "xuíces fascistas nomeen máis xuíces fascistas". "Así non se avanza en democracia", concluíu o deputado.

"Após tanta reflexión e denuncia de 'lawfare' a rexeneración democrática era isto, pactar co PP, asumindo e lexitimando as súas posicións?", inquiriu Rego ao grupo socialista. "Aquí temos o bipartidismo tradicional español actuando como tal e exercendo como o que realmente son, os dous principais piares do réxime do 78", salientou.

Pasaron máis de 10 anos desde o último nomeamento

Corría o ano 2013 a última vez que se renovaba o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o que se traduce en máis de 10 anos desde o último nomeamento deste órgano e máis de cinco co seu mandato caducado. 

O CXPX viña mantendo a súa actividade, mais desde marzo de 2021 viu limitada unha das súas principais funcións, a de facer nomeamentos na cúpula xudicial. Xa antes, en 2018, anunciouse un pacto para a renovación do órgano entre PP e PSOE, mais unha información xornalística sobre unha mensaxe do entón portavoz popular do Senado, Ignacio Cosidó, que alardeaba de que "controlaremos a Sala Segunda desde atrás", fixo saltar o pacto polos aires.

Dimisión do presidente

Despois da perda de vogais e da chamada de atención de Bruxelas, o presidente do CXPX, Carlos Lesmes, non sen antes dirixir catro cartas a Congreso e Senado e realizar durante anos declaracións pedindo a renovación, anunciaba en 2022 a renuncia ao cargo.

Neste contexto, PP e PSOE retomaron as conversas, mais días despois, cando todo semellaba feito, Alberto Núñez Feixoo (PP) anunciaba a rotura das negociacións. A mediación da Comisión Europea a comezos de 2024 tampouco deu froitos. Finalmente, o acordo chegou este verán.

Comentarios