Ultimato de Sánchez ao PP para renovar o Poder Xudicial: ou desbloqueo antes de que acabe xuño ou perda de facultades

O presidente do Executivo español avanza que presentará unha reforma para mudar as atribucións do Consello Xeral do Poder Xudicial se o PP non facilita a súa renovación antes de fin de mes.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, deu un ultimato ao Partido Popular para que se aveña a renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) antes de que acabe o mes de xuño e advertiu de que, de non ser así, cambiará a facultade do órgano de goberno dos xuíces para facer nomeamentos no Tribunal Supremo e nos Tribunais Superiores de Xustiza.

O xefe do Executivo considera que esta capacidade para seguir realizando nomeamentos é un "incentivo perverso" que fai que o PP non queira pactar a renovación dos vogais co Goberno, que leva máis de cinco anos co mandato caducado.

"O día da marmota durou demasiado, máis de 2.000 días e iso acabouse", avisou Sánchez nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press.

"Nós dámonos como Goberno até final deste mes, até o mes de xuño, e se no mes de xuño o Partido Popular non desbloquea esta situación, o Goberno de España, xunto co Congreso dos Deputados, dará unha resposta ao que é un auténtico atropelo constitucional, que é o secuestro que está a perpetrar o Partido Popular a un órgano importante que é o Goberno de España", sinalou.

Revisión de competencias

Neste sentido avanzou que se pode revisar esa facultade de nomear maxistrados no Supremo e nos Tribunais Superiores de Xustiza das comunidades autónomas e facela "máis obxectiva, máis transparente e non politizada", como ao seu xuízo ocorre agora por parte do PP.

As negociacións para renovar o órgano de goberno do Poder Xudicial e acabar co desbloqueo mantéñense coa mediación da Comisión Europea.

Asemade, Sánchez reiterou que no Estado español producíronse “casos de lawfare [o uso do sistema xudicial, no caso español controlado polos conservadores, para perseguir opoñentes políticos] clarísimos”, apenas 24 horas despois de entrar en vigor a lei de amnistía, que acaba coa persecución xudicial contra as persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado.

Rapidamente, fontes do PP trasladaron a medios estatais que “non acepta os ultimatos”, sostendo que non mudarán a súa posición, e a Asociación Profesional da Maxistratura, a entidade conservadora maioritaria no sector, asegurou que quitar ao CXPX a facultade de designar as e os membros do Supremo e outros tribunais de alto rango “é inaceptábel e un auténtico atropelo constitucional”.

Sánchez tamén comunicou que en xullo o Executivo presentará un paquete de medidas de rexeneración democrática que incorporaría a transposición dunha directiva da Unión Europea (UE) que exixe máis transparencia no financiamento dos medios de comunicación e abre a porta a que medios que de forma sistemática publican información falsa non poidan recibir cartos públicos, con medidas en “defensa da veracidade” e para aumentar a “transparencia e rendición de contas do Goberno e do Congreso”.

España, na cabeza da pobreza na UE

Asemade, os datos difundidos por Eurostat revelan que o Estado español é o terceiro da UE con maior porcentaxe de persoas en risco de pobreza ou exclusión social, 27% da poboación, só por detrás de Romanía, con 32%, e Bulgaria, con 30%.

Comentarios