Entrevista | París 2024

Enmanuel Reyes Pla, boxeador: "O meu obxectivo é o ouro en París, é para o que levo anos traballando"

Os de París serán os segundos Xogos Olímpicos para o boxeador Enmanuel Reyes Pla (A Habana, 1991), cubano de nacemento e coruñés de 'adopción'. O seu único obxectivo é lograr a medalla que se lle escapou en Toquio cando foi eliminado polo campión olímpico en cuartos nun combate decidido aos puntos.
O boxeador Enmanuel Reyes Pla púxose o alcume de 'O Profeta' en homenaxe á súa avoa materna. (Foto: RFEBox vía Europa Press)
photo_camera O boxeador Enmanuel Reyes Pla púxose o alcume de 'O Profeta' en homenaxe á súa avoa materna. (Foto: RFEBox vía Europa Press)

—Faltan poucos días para os Xogos, como vai a preparación?
Ben, estamos moi centrados e preparándonos forte para o que vén.

—Conseguiu o billete a París o pasado marzo no primeiro Preolímpico, o de Busto Arsizio, impóndose claramente ao serbio Sadam Magomédov. Confiaba en logralo?
Si, preparámonos moi ben para o Preolímpico e o obxectivo era ese, clasificar e estar xa tranquilo para preparar os Xogos con calma. E conseguímolo.

—Estes serán os seus segundos Xogos. Nos anteriores volveu de Toquio cun diploma olímpico tras perder en cuartos de final contra o que despois sería o campión, o cubano Julio César La Cruz, nun combate que perdeu aos puntos tras o que vostede dixo sentirse gañador.
A verdade é que non o esperaba ninguén. Sabemos que o fixemos ben e que adestráramos forte para esa pelexa e para as que viñan, Deus sabe por que fai as cousas... E creo que agora en París imos con máis desexo, con moito máis ímpeto, a deixar claro que gañaremos e imos levar esa medalla de ouro.

—Gustaríalle un desquite contra La Cruz en París?
Sinceramente, dáme igual. De verdade que me dá igual, non me enfoco só nel. Teño máis rivais e teño que gañar a todos para poder conseguir esa medalla de ouro, que é a que quero. Pero ao final, como sempre digo, o rival máis forte son eu mesmo. Se estou ben, física e mentalmente, creo que non me gaña ninguén.

O rival máis duro son eu mesmo

—Como se soe dicir, o teu maior rival es ti mesmo...
Xa coñecemos os rivais e eles coñécennos a nós. Nunha Olimpíada, o que teña a mente máis fría e estea máis tranquilo é o que vai levar a vitoria. Ao final aquí todos nos coñecemos e sabemos o que cada un trae. É por iso que o rival máis duro son eu mesmo. Por iso teño que estar ben física e mentalmente, para lograr esa vitoria, que é o que quero e desexo.

—Os últimos Xogos estiveron marcados pola pandemia e non houbo público, imaxino que será emocionante vivir agora en París a experiencia olímpica completa.
Claro, os Xogos de Toquio foron atípicos. Agora hai público, que no boxeo é fundamental. Esa bulla, o ánimo... iso sempre pode dar un plus no momento. A Olimpíada vívese coa xente que vai vela e que a anima. Vai ser espectacular agora en París.

Enmanuel Reyes durante un combate dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. (Foto: COE vía Europa Press)
Enmanuel Reyes durante un combate dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. (Foto: COE vía Europa Press)

—"Aquí está o Profeta dando palo, imos arrincar cabezas". Aquelas palabras súas en Toquio dérono a coñecer en todo o mundo.
Isto ao final é un deporte e tes que sacar a túa baza. As miñas palabras son simplemente deportivas, eu non vou arrincar a cabeza a ninguén nin esas cousas [ri]. Pero a nivel deportivo teño que impor o meu respecto, imporme eu mesmo e dar a coñecer aos meus rivais que estou aquí, listo para o que veña. O que pretendía con esas palabras era iso, impresionar un pouco os meus rivais e, cando tocase o combate, visen que estaba listo para pelexar.

—De feito, o boxeo arrastra aínda un estigma negativo que custa eliminar a pesar de ser considerado a "noble arte" do deporte.
Exacto. Aínda que nos caguemos a golpes no ring despois terminamos cun abrazo e aí queda todo. A xente que o ve así quizais viu outras cousas do boxeo de antano, esa imaxe que hai de boxeadores brutos ou borrachos, pero non é así. Somos xente normal e común, temos estudos, sabemos ler e falar. Nós intentamos cambiar esa visión, porque o boxeo é un deporte que te prepara para a vida, para ser boa persoa e aprender unha serie de valores.

—O boxeo dos Xogos ten a etiqueta de "amateur", pero na práctica podería dicirse que é mesmo máis profesional que o que se denomina como tal.
Si, eu xa o dixen moitas veces. O boxeo amateur é máis duro que o profesional, no que pelexas unha ou dúas veces ao ano e estás un mes preparándote para un só combate. O amateur é máis forte porque tes que combater todos os días e facer o peso a diario. E ao final é profesional porque é o teu traballo.

—Vostede xa deu o salto tamén ás veladas como 'profesional', pero entendo que agora está máis centrado na competición.
Desde hai anos permiten combinar os dous boxeos, o amateur e o profesional, e quixen combinalos. Pero teño a mente posta sempre no amateur, en ir ás Olimpíadas e lograr a medalla de ouro. Ese é o obxectivo para o que levo anos traballando. E tamén é bo para ir abrindo camiño no boxeo profesional, porque a xente vaite coñecendo do amateur para logo ter un percorrido alí.

—O boxeo amateur dá tamén unha reputación.
Claro, dáche esa reputación, e se gañas, como eu pretendo, unha medalla olímpica, iso abre moito máis as portas do boxeo profesional no futuro.

—Non pensa vostede noutra cousa que no ouro en París...
O meu obxectivo é a medalla de ouro. É para iso que estamos traballando, é o que levamos anos loitando por conseguir. E alí estará o Profeta arrincando cabezas de novo. Empezando a arrincar cabezas desde o primeiro día [ri].

O estilo do 'Profeta' sobre o ring: "Dálles e que non che dean"

Á hora de definir o seu estilo no ring, Enmanuel Reyes resúmeo no que para el é a base deste deporte: "Dálles e que non che dean". Para iso, o púxil galego-cubano ve importante traballar moito as pernas e estar máis rápido no golpeo. "Ese é o meu estilo, estar todo o tempo en contragolpe, mover moito as pernas, esquivar para que me dean o menos posíbel e intentar conectar unha boa cantidade de golpes".

Reyes xa é coñecido en todo o mundo como 'O Profeta', un alcume moi especial para el pola orixe: "Vén de cando estaba en Cuba, cando empezaba a World Series e pedíronnos alcumes. A xente púñase 'tigre', 'león'... e eu pensei na miña avoa por parte de nai, que era cristiá e sempre me inculcou o cristianismo, e quixen homenaxeala. Cando cheguei aquí saíu o de 'O Profeta dando palos' e xa me quedou", explica.

Comentarios