París 2024

A Guía definitiva dos Xogos Olímpicos, o 20 de xullo con 'Nós Diario'

Os Xogos Olímpicos de París comezarán oficialmente o vindeiro 26 de xullo. Será a cita con maior representación galega, unha trintena de atletas que aspiran a superar as seis medallas conseguidas en Toquio. E para coñecer todas as chaves destas Olimpíadas 'Nós Diario' entregará o sábado 20 a Guía definitiva sobre o evento. Resérvaa xa no teu quiosque para non quedar sen ela!
A portada e mais algunhas das páxinas que conformarán a Guía dos Xogos de 'Nós Diario'.
photo_camera A portada e mais algunhas das páxinas que conformarán a Guía dos Xogos de 'Nós Diario'.

Galiza é unha potencia olímpica en constante crecemento. Desde que nos Xogos de Atenas, en 2004, o cangués David Cal fixo historia facéndose coa primeira medalla de ouro nunha proba individual —piragüismo, no seu caso— para o país, non houbo cita olímpica na que non obtivese polo menos un metal. En Pekín, Londres, Río de Janeiro... e Toquio, en 2021, onde Galiza bateu todos os seus rexistros históricos ao levantar nada menos que seis medallas da man de até sete medallistas —catro pratas, unha delas nun deporte de equipo como é o fútbol masculino, e tres bronces, un en balonmán masculino—. Unha cifra que nada ten que envexar, tendo en conta a diferenza poboacional e o número de deportistas federados, ao rexistro que logrou no seu conxunto o Estado español: 17 medallas, das que tres foron de ouro, oito de prata e seis de bronce. Ou, o que é o mesmo, unha de cada tres medallas conseguidas pola delegación estatal recaeu sobre o pescozo dun galego ou galega.

Os seis metais que gañaron as e os deportistas da Galiza situaron o país nunha moi boa posición no medalleiro internacional, superando outros de maior envergadura —e recursos no ámbito deportivo e olímpico— como Portugal, México, Irlanda, Grecia ou Arxentina. En París 2024 Galiza quere superarse. E abofé que ten opcións de logralo, pois parte coa representación máis grande da súa historia: unha trintena de deportistas.

E para aproximarnos aos uns Xogos que espertarán sen dúbida unha grande expectación no país, Nós Diario achega o vindeiro sábado, 20 de xullo, a 'Guía' definitiva para coñecer todas as chaves e non perder nada da que será a terceira edición do evento organizado na capital de Francia, que xa acollera as de 1900 e 1924, hai xusto un século. A Guía consta de 40 páxinas a toda cor e preséntase no formato do semanario Sermos Galiza, mais con maquetas especiais, infografías e todo tipo de contidos deseñados para a ocasión para adentrarse no panorama olímpico.

En primeiro lugar, a xornalista Sara Gallego analizará as opcións de medalla da Galiza facendo un repaso de todos os e as atletas que participarán nestes Xogos, unha trintena incluíndo as cinco deportistas procedentes doutros lugares do Estado español que contan coa distinción de “deportistas galegas de alto nivel” da Xunta da Galiza. Da histórica sétima participación olímpica da padexeira Teresa Portela á loita polo ouro dunha Ana Peleteiro que desta volta parte como unha das favoritas, pasando polo plusmarquista estatal de maratón Tariku Novales ou o boxeador Enmanuel Reyes Pla, que perdeu o metal nun combate decidido aos puntos hai tres anos.

As lectoras e lectores coñecerán tamén as principais probas dos Xogos de París e as súas favoritas e favoritos nunha atractiva reportaxe asinada pola xornalista Andrea Devesa, que fai unha escolma do máis destacado. A estrea do breaking como deporte olímpico —e a consolidación doutros deportes ‘da rúa’ como o skateboarding—, as sempre disputadas medallas de natación e atletismo, a permanencia da esgrima como o deporte que se practicou en todas as edicións da era contemporánea —desde Atenas 1896—, as tan agardadas polo público finais de baloncesto...

Tampouco faltará nesta Guía unha ollada retrospectiva aos Xogos para afondar nas orixes, evolución e consolidación do olimpismo galego. De achegarnos esta visión ocuparase o xornalista Miguel Gómez Longo, que na súa reportaxe fala do primeiro metal para Galiza, a prata que lograron os futbolistas galegos coa selección estatal en Amberes 1920; da primeira muller galega en asistir a unhas Olimpíadas, a ximnasta Marta Bobo —nos Ánxeles 1984—; o primeiro ouro que colgou do pescozo un galego, o padexeiro David Cal, ou a época dourada que vive o deporte galego nos últimos anos.

Pola súa parte, o xornalista Óscar Losada preséntanos a que para el é a deportista olímpica perfecta nunha reportaxe infográfica titulada "Corpus olímpico: calidades únicas en deportistas míticos". As pernas de Usain Bolt e Larisa Latýnina, a lingua de Michael Jordan, o queixo de Teófilo Stevenson... atletas que asinaron con letras de ouro os seus nomes nos libros de Historia e que son de sobra coñecidos en todo o mundo. E se ben poderían incorporarse outros con méritos abondo como para formar parte da reducida listaxe, foi necesario decidir os que sairían nas páxinas.

Aliás, Ângelo Pineda, editor de Menino Morreu, fai un repaso histórico dos moitos vínculos existentes entre Xogos Olímpicos e xeopolítica, mostra de que o deporte non é alleo a todo o que o arrodea. De feito, ao longo da historia canceláronse tres edicións por mor da Primeira Guerra Mundial —1916— e da Segunda —1940 e 1944—. Un caso, este último, precedido pola polémica celebración dos Xogos de 1936 nun Berlín que daquela se erguía como a capital da Alemaña nazi.

E, como non podía ser doutra forma, tamén abordaremos as chaves dos Xogos Paralímpicos, tanto da vintena de participantes galegos e galegas como do resto do mundo nunha extensa reportaxe que asina o xornalista Yuri Carrazoni. Na edición pasada, a de Toquio, Galiza sumou catro metais: un ouro e mais unha prata de Adiaratou Iglesias, outro ouro de Susana Rodríguez Gacio e un bronce de Juan Saavedra. Rexistros que a delegación galega intentará superar este ano en París, nunha competición que decorrerá do 28 de agosto ao 8 de setembro. Tamén haberá espazo nesta reportaxe para analizar os grandes fitos do paralimpismo, desde os primeiros Xogos que se disputaron para atletas con algunha discapacidade, os de Roma 1960, até as edicións do presente século, sen esquecer a súa orixe nos Xogos de Stoke Mandeville —para veteranos de guerra que sufriran amputacións— doce anos atrás.

Nas páxinas desta Guía das Olimpíadas tamén haberá oco para coñecer a fondo as 35 sedes nas que se disputarán as diferentes probas, un calendario no que se recollen, día por día, todos os eventos —e as xornadas nas que haberá medallas en xogo en diferentes probas— tanto dos Xogos Olímpicos como dos Paralímpicos.

Por último, Xoán Costa achéganos unha ampla selección de pasatempos relacionados co principal evento do deporte internacional.

A que esperas? Vai ao teu quiosque máis próximo para reservar xa a Guía 'Galiza nos Xogos' e non quedar se ela! Lembra: o sábado 20 de xullo, co Nós Diario.

Comentarios