ENTREVISTA | PARÍS 2024

Sofía Toro: "O deporte sitúate no teu lugar, ninguén gaña sempre"

O nome da coruñesa Sofía Toro (1990) forma parte do acervo deportivo común dos e das galegas por ser a primeira muller -honra que compartiu coa ourensá Támara Echegoyen- en gañar unha medalla olímpica, un ouro en vela nos Xogos disputados en Londres no ano 2012.
A gañadora do primeiro metal para a Galiza, coa 'Historia inacabada do deporte galego' de Nós Diario. (Foto: Arxina).
photo_camera A gañadora do primeiro metal para a Galiza, coa 'Historia inacabada do deporte galego' de Nós Diario. (Foto: Arxina).

—Comecemos polo principio. Por que, de entre todas as disciplinas deportivas que podería practicar unha nena na Coruña dos 90, escolleu a vela?
Por tradición familiar. O meu avó materno xa facía vela, competía en vela coa miña avoa, e, claro, a miña nai e os seus irmáns criáronse no Náutico e tamén a practicaron nalgún momento das súas vidas. Entón, os meus pais, cando nacemos o meu irmán e máis eu, decidiron que probásemos a vela. 

—Axiña destacou e, ademais da recordada medalla de ouro nos Xogos de 2012, logrou grandes éxitos como os primeiros postos no Mundial Match Race 2013, o Europeo de Elliot 6M de 2011 ou o Iberoamericano de 2010. Como asimilou ese proceso de ascensión á elite a nivel persoal?
Sabendo que o deporte sempre acaba por poñerte no teu sitio. Sendo certo que ás veces consegues cousas, na meirande parte das ocasións, non. Detrás dunha deportista que logra éxitos e resultados tamén hai moitas derrotas. Lembro o mal que o pasara cando, sendo pequena, ficara ás portas de clasificarme para un Campionato de Europa, pero logo acabas superándoo e sabendo que é bo ter os pés na terra, porque ninguén gaña sempre.   

—Publicaba hai pouco no seu 'LinkedIn' que continúa chorando cada vez que mira o vídeo da cerimonia de entrega de medallas en Londres 2012. Como é esa sensación de sentir un ouro olímpico colgado do pescozo?
A verdade é que ese vídeo provoca en min moitísimas emocións, porque ademais está gravado co meu móbil, escoitase ao meu irmán por detrás, nas bancadas está toda a miña familia... todo son grandes recordos, e síntome moi afortunada de que eses Xogos Olímpicos se desenvolveran pertiño da casa para que así puidesen vir verme. 

—A categoría na que gañou o ouro deixou de ser olímpica xa en Río 2016, obrigándoa a dar o salto á clase 470. Unha auténtica faena que acabou por deixala fóra do propio Río e de Toquio 2020. Como asimilou ese pau do Comité Olímpico Internacional cambiándolle as normas do xogo a metade da partida? 
Tal como o dis, foi unha putada moi grande que asimilei bastante ben, dentro do que cabe, porque a Federación ía tomando decisións nesa liña xa un ano antes de Londres. Lembro que o mesmo día que gañamos a medalla fun a unha cea organizada pola Federación e, ao saír, un adestrador preguntoume "que vas facer?", e contesteille "vou seguir na vela, seguro, estarei en Río". Entón nin me importaba, de feito tiña claro que o 470 era o meu futuro, pero logo cando te metes niso, comezas de cero e ves o duro que é, sofres, pero tamén aprendes a ser máis forte e mellor regatista.

—Está claro que, a pesar da xuventude coa que tocou teito -de feito síntome mal tratándoa como se fose unha veterana cando ten apenas 33 anos-, o tempo vai pasando. Se en fútbol se colgan as botas como analoxía da retirada, supoño que en vela serían os escarpíns. Están colgados definitivamente os seus?
Podería dicir que si, porque este último ano non naveguei practicamente nada. Pero hai un montón de categorías novas e o meu deporte pode practicarse case en cada momento da vida, que da moitas voltas. Coñezo exemplos de regatistas moi lonxevas que seguen gañando medallas, polo que non fecho a porta a volver, mais actualmente estou nun momento profesional do que tamén estou gozando un montón e que me impide por completo dedicarme a navegar.

—Nesa vida pos deporte, o seu caso é un pouco parecido ao de Marta Bobo, a quen tamén lle fixen esta pregunta. Lograron ser mulleres de éxito, fuxindo dun problema non pouco habitual  no mundiño como é o dos xoguetes rotos. Ou eses casos só se dan nas disciplinas onde se gaña diñeiro?
Eu sempre fun unha persoa emprendedora total. Supoño que Marta tamén o é, porque o deporte da ximnasia, ao ser individual, obriga a iso, xa que  en última instancia estás ti soa sobre o tapiz e iso marca moito. Ademais, en deportes minoritarios como os nosos a xente non adoita ser consciente de todo o que facemos as deportistas para poder adestrar, para estar aí, e iso sempre dá moita experiencia de vida, pois aínda que ás veces pensas o feliz que estarías cun equipo detrás apoiándote, ou sen adestrar, a nivel persoal e de formación achega unha experiencia que logo podes aplicar noutros eidos.

—Tamén, como a nosa pioneira olímpica, Marta Bobo, fixo unha transición á docencia na Facultade de Deportes, no seu caso na UCAM murciana, onde dá clases e investiga, unha vocación que de seguro tamén se nota nas charlas que lles dá periodicamente aos e ás escolares. Que valores lle achegou a vostede o deporte e como trata de transmitirllos a esas novas xeracións?
A nivel deportivo enfronteime a tomar decisións xa desde moi pequena. É un mecanismo que logo fai que sexas máis áxil para iso en situacións de estrés, etc. Ao final, o deporte axuda a desenvolverte como persoa e ábrete moitísimas portas. Eu sempre digo o de que tiven sorte, pero en realidade non penso que sexa tan só cousa da fortuna, pois tiña os pés na terra, estudando e esforzándome para o que chegaría, xa que era consciente de que o da vela acabaría.

Con respecto á rapazada, intento achegarlles que deben practicar o deporte que máis lles guste, e que a actividade física forme parte das súas vidas, porque traeralles saúde e bos amigos, que case é o máis importante a esas idades, mais por desgraza non teño tempo abondo para facer tanto como me gustaría a causa do traballo. 

—Ese devorador de tempo en forma de traballo do que fala está no Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar, do que é a xerente. A que se dedica e, dentro e fóra do mesmo, cales son os seus proxectos de futuro? 
O deporte é un sector que moitas veces está pouco profesionalizado, algo que non é tan visíbel como parece. De feito, cando comecei a traballar no Clúster vin unha realidade que non coñecía. O Clúster ao que se dedica é, desde a súa posición de organización sen ánimo de lucro, a reunir empresas do sector do deporte. Trátase dun  reto no que desde o principio quixen embarcarme, non o pensei e estou moi feliz.

Comentarios