As Gaélico Escolas confirman a súa expansión e queren seguir medrando

Na campaña 2023/24 levaron o deporte a 21 centros do país.
A rapazada achégase cada vez máis ao gaélico. (Foto: AGFG).
photo_camera A rapazada achégase cada vez máis ao gaélico. (Foto: AGFG).

O fútbol gaélico, o único deporte no que a Galiza pode competir oficial e internacionalmente, continúa medrando no país, como vén de ratificar a  Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), o organismo regulador da disciplina no territorio.

Unha das chaves da súa expansión é a iniciativa coñecida como Gaélico Escolas, que ao longo da tempada 2024/24 levaron esta modalidade orixinaria de Irlanda a 21 centros educativos, nos que 2.153 nenos e nenas recibiron unidades didácticas.

Segundo datos achegados por Alexandre Sanmartín, 'Jano', responsábel das seleccións nacionais e coordinador xeral do proxecto, esta foi a primeira ocasión na que chegaron á cidade de Lugo, o que confirma unhas cifras "que falan de crecemento tanto de clubs e afiliadas cini no número de eventos que se organizaron".

Neste sentido, até nove conxuntos se integraron nesta iniciativa que promove a Asociación Galega de Fútbol Gaélico co apoio de PuntoGal, sendo o Estrela Vermelha de Compostela o que achegou máis deportistas a este proxecto (89) pensado para crear canteira, mais as fichas repártense por diferentes puntos da Galiza, como demostran os números alcanzados por Turonia de Gondomar (65), Keltoi de Vigo (57), Fillas de Breogán dA Coruña (53) ou Auriense de Ourense (53). 

Neste último curso sumáronse, ademais, dúas novas escuadras, Grovias da Guarda (21) e Lorchos de Borio-Barbanza (21), dos que collerán a remuda como novidades na campaña 2024/25 "dúas entidades máis que estarían en Boqueixón (Santiago de Compostela) e Lugo". 

Mais a chegada do período estival non é sinónimo de inactividade para o gaélico, pois, como revela Sanmartín, "a idea é desenvolver un par de campus de verán", así como "crear novos torneos comarcais". 

Comentarios