EUROCOPA

A Eurocopa de Alemaña 2024 baixa o pano cunha final indédita

Os combinados inglés e español xóganse o título.
Gareth Southagte, actual seleccionador dos 'Pross', perseguido por Julio Salinas na Euro '96. (Foto: UEFA).
photo_camera Gareth Southagte, actual seleccionador dos 'Pross', perseguido por Julio Salinas na Euro '96. (Foto: UEFA).

A data fundacional do fútbol, tal e como se coñece hoxe en día, remóntase até 1863, cando a Football Association de Inglaterra publicou as súas Laws of the Game. O país natal do deporte rei tivo que agardar máis de 100 anos, concretamente até o 30 de xullo de 1966, para levantar o seu primeiro e único título a nivel de seleccións, a Copa do Mundo. 

Desde entón iniciou unha travesía no deserto que dura xa 21.168 días sen gañar nada, unha xeira que podería chegar este domingo á súa fin se é quen de imporse na final da Eurocopa de Alemaña 2024, programada ás 21 horas no Estadio Olímpico de Berlín.

Lendas do calibre de Kevin Keegan, Peter Shilton, Gary Lineker, Alan Shearer, Paul Gascoigne, Steven Gerrard ou Peter Crouch foron incapaces ocasión tras ocasión de derrubar unha muralla de malditismo que nin as evocacións, case rituais, do tema It's coming home que a afección dos 'Three Lions' canta cada gran cita dentro e fóra das bancadas, foi capaz de botar abaixo.

Pero unha nova xeración de talentos comandada polos Jude Bellingham, Phil Foden, Bukayo Saka, Harry Kane e compañía, que xa alcanzou a final na pasada edición da Euro -perdendo en penaltis ante Italia- aspira a cambiar o conto fronte unha España que completou a remuda xeracional daquela etapa triunfal entre 2008 e 2012.

Comandada por un Luis De la Fuente que reconstruíu o equipo que herdou de Luis Enrique optando por formar cos seus xogadores na súa posición natural e apostando por recuperar a figura do extremo, deostada no fútbol moderno, o combinado estatal estivo á vangarda do jogo bonito nun torneo que estivo moi lonxe das excelsas cotas alcanzadas na edición anterior.

Por todo iso, e tendo en conta que unha pobre Inglaterra ofreceu a súa mellor versión nas semifinais, resulta complexo ofrecer un prognóstico do que acontecerá sobre o céspede do Olympiastadion, mais Southgate podería optar por formar con  Pickford en portería; Stones, Guéhi e Walker en defensa; Trippier, Mainoo, Rice e Saka no centro do campo; e Bellingham, Foden e Kane na parcela ofensiva. Pola súa parte, España, salvo sorpresa, sairá con Unai Simón; Carvajal, Le Normand, Laporte, Cucurella; Rodri, Fabián Ruíz; Lamine Yamal, Nico Williams, Dani Olmo; e Álvaro Morata.

Comentarios