EUROCOPA

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'C'

Inglaterra arranca a ruta para liberarse da 'Síndrome de Poulidor' nun grupo no que colidirá con Dinamarca, Serbia e Eslovenia.
Home por home, o 'C' é o grupo que reúne maior talento individual. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Home por home, o 'C' é o grupo que reúne maior talento individual. (Foto: Nós Diario).

O francés Raymond Poulidor foi un dos mellores ciclistas das décadas dos 60 e 70 do século XX, mais pasou á historia non polos 189 triunfos que logrou ao longo da súa carreira, senón por ficar sempre ás portas de conquistar o Tour de Francia, onde foi segundo en tres ocasións e terceiro en cinco.

Desde entón díselle que padece a 'Síndrome de Poulidor' a todo aquel deportista ou equipo que a pesar do seu potencial e o seu destacado rendemento non logra alcanzar a gloria, definición que lle encaixa como unha luva á selección inglesa de fútbol.

Southgate deixou fóra da convocatoria o desequilibrante Jack Grealish

Sen levantar un título desde o Mundial de 1966, a actual xeración de futbolistas dos Pross combina a descarada xuventude de talentos xa contrastados como Cole Palmer ou Jude Bellingham cunha solvente veteranía que representa Harry Kane, factor que, unido á súa condición de vixente finalista do torneo, fai de Inglaterra a gran favorita, só por detrás da todopoderosa Francia.

Enfronte terá tres equipos de nivel medio que, se ben non deberían pór en perigo a clasificación do combinado dirixido por un cuestionado Southgate, venderán cara a súa pel para lograr a asegurarse o segundo posto.

Dinamarca, campioa en 1992, ten moi complicado repetir a xesta de 2021, cando chegou ás semifinais

Dinamarca buscará resarcirse da súa eliminación nas semifinais da Euro 2021 a mans da propia Inglaterra, aínda que os escasos minutos disputados esta tempada no Manchester United pola súa alma e corazón, Christian Eriksen, xunto ao envellecemento conxunto das estrelas do bloque, aumentan as incógnitas arredor da campioa en 1992.

Serbia e Eslovenia, pola súa parte, regresan á gran cita continental após 24 anos de ausencia lideradas por xogadores do talento de Vlahovic e Mitrovic -no caso serbio- ou de Šeško -no esloveno-, mais tamén coa bitola de ser capaces do mellor e do peor.

HORARIOS DO GRUPO 'C'

Eslovenia - Dinamarca: 16 de xuño ás 18 horas

Serbia - Inglaterra: 16 de xuño ás 21 horas

Eslovenia - Serbia: 20 de xuño ás 15 horas

Dinamarca - Inglaterra: 20 de xuño ás 18 horas

Inglaterra - Eslovenia: 25 de xuño ás 21 horas

Dinamarca - Serbia: 25 de xuño ás 21 horas

Comentarios