O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra fai trinta anos este 2024

A Praza da Ferraría continuará este verán constituíndo o epicentro desta onda sonora, a través de seis novas actuacións con Iago Banet , Antilia, Sempasúchil, Rick Estrin & The Nightcats, Jeff Cascaro e Richard Bona & Alfredo Rodríguez Trío.

Th Guit Kune Do no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra, na edición do pasado ano.
photo_camera Th Guit Kune Do no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra, na edición do pasado ano.

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra fai trinta anos neste 2024, tres décadas onde a Boa Vila foi testemuña do paso dalgúns dos artistas máis importantes destes dous xéneros, con exemplos lendarios como Johnny Winter, John Scofield, Robert Cry, Esperanza Spalding, Taj Mahal, Derek Trucks, Cory Henry ou Gregory Porter.

A Praza da Ferraría continuará este verán constituíndo o epicentro desta onda sonora, a través de seis novas actuacións con Iago Banet (5 de agosto), Antilia (5 de agosto), Sempasúchil (6 de agosto), Rick Estrin & The Nightcats (7 de agosto), Jeff Cascaro (8 de agosto) e Richard Bona & Alfredo Rodríguez Trío (9 de agosto).

Por ela pasarán bandas lideradas por músicos galegos que xa teñen unha traxectoria consolidada en clubs e festivais de todo o mundo e outras formacións que apostan por opcións máis íntimas e persoais; sen descoidar, a oferta dun jazz máis clásica, combinado con actuacións de bluesmen que son referentes dentro da escena mundial.

Como sempre, a entrada será libre e de balde. O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, acompañado polo representante do Seminario Permanente de Jazz, Paco Charlín, e por un dos coordinadores do evento, José Antonio Ortiz, presentou nas dependencias do Concello o programa completo do festival, lembrando que a cidadanía agarda as datas do Festival Internacional de Jazz e Blues para descubrir novas músicas e novas intérpretes. "Falamos dun festival que non só é importante na Galiza, senón que traspasa fronteiras até Portugal e ofrece a oportunidade de atopar ou coñecer artistas de primeirísimo nivel".

Pola súa parte, Paco Charlín destacou o papel importantísimo do Seminario Permanente de Jazz dentro do festival, da colaboración xa estabelecida desde hai anos co mesmo, e de como se coordina de forma exemplar a aposta local e autóctona, do talento galego e pontevedrés, coa chegada de grandes nomes internacionais ou promesas emerxentes do jazz e mais do blues.

Por último, José Antonio Ortiz realizou un breve repaso destes trinta anos de festival, sinalando que "este é un festival consolidado, no que xa temos unha liña moi clara que seguimos e que aplicamos". "O Festival de Jazz e Blues é patrimonio de todos os pontevedreses, pois é algo intrínseco ao verán da cidade; non só aquí, senón tamén fóra. A xente está atenta e sabemos que a xente quere ir, quere achegarse", explicou.

Comentarios