Este 25 de xullo, 'Nós Diario' repasa toda a actualidade da música galega nun especial

Este 25 de xullo, Nós Diario ofrece un especial de 48 páxinas que dá conta do bo momento polo que pasa a música galega: desde o tradicional até a música académica pasando polo jazz, o rock, o pop, a música electrónica ou a de coros e bandas, a creación musical será analizada por voces especializadas que farán balance das fortalezas e debilidades do panorama actual. 
De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Diego Alonso Quintet, Dioivo, Fillas de Cassandra e Sés.
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Diego Alonso Quintet, Dioivo, Fillas de Cassandra e Sés.

Somos un pobo de artistas. Ou polo menos iso di Xurxo Souto. E non lle falta razón. O recoñecemento que a Real Academia Galega vén de lle facer ao Cancioneiro popular dedicándolle o Día das Letras Galegas de 2025significa recoñecer que, en último termo, toda arte procede do pobo, que todas as grandes figuras que marcan épocas na historia da música non serían posíbeis sen ese substrato creado pola xente do común para que medren sobre el as particularidades das artistas que engaden novos abrochos ao patrimonio colectivo.

Este 25 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega, unha publicación especial que acompañará Nós Diario analizará e destacará o bo momento creativo polo que está a pasar as músicas da Galiza. Baixo o título O pobo que canta nunca morre, este especial revisará as diferentes vías que transitan as creadoras galegas para renovar e vivificar o caudal da tradición, desde as que manteñen a súa idiosincrasia até as que se internan en hibridacións novidosas, desde as que renovan o herdo clásico até as que adaptan xéneros foráneos ás singularidades da nosa identidade.

É precisamente Xurxo Souto quen se encarga de facer unha introdución xeral ao tema: seguindo o fío das súas reflexións no volume Somos un pobo de artistas, o autor e tamén músico devolve a dignidade á creación musical que emana do pobo e reflicte sobre as sucesivas transformacións que medran sobre ese humus primordial.

Esa primeirísima música xurdida da comunidade será o obxecto do artigo co que a Asociación de Gaiteras Galegas contribúe a este especial. Unha música que, grazas a unha transmisión oral que logrou sortear todas as censuras e anatemas, segue constituíndo a savia que alimenta o espírito de calquera celebración popular.

Mais toda tradición precisa de ser renovada para non esclerotizarse, para manterse viva e non tranformarse en obxecto musealizábel: Patricia Hermida, da Asociación galega de Empresas Musicais, concéntrase nas claves que explican como desde a tradición se pasou a xerar fenómenos musicais como os de Baiuca, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, entre outras moitas. 

Próximas a esa orixe popular se sitúan as cantautoras que, desde o Movemento Popular da Canción Galega até figuras de referencia como Fran Pérez Narf ou Sés, seguen "asumindo con seriedade os textos que musicalizan", en palabras de César Morán, que dará conta da variedade de materializacións estéticas a que pode dar lugar o concepto de cantautora.

Rosa Bugallo, pola súa parte, acrecenta o campo de batalla ao examinar algúns cruzamentos con xéneros e identidades musicais moi afastadas das nosas latitudes.

Capa de Pruden Tatoo para o especial 'O pobo que canta nunca morre'.
Capa de Pruden Tatoo para o especial 'O pobo que canta nunca morre'.

Novas formas do popular

Mais a música galega expándese tamén entre os xéneros máis recoñecíbeis nas últimas décadas, e Pepe Cunha -de Ábrete de Orellas- repasa o panorama pop-rock en galego, o seu contexto, as consecuencias do bum de Tanxugueiras, os puntos fortes e algunhas eivas. E ofrece unha lista de propostas que abrangue nomes populares e outros máis agochados.

Algo semellante fai Jacobo Mouriño con eses xéneros que alternan os textos reivindicativos cun rock contundente que asume a defensa da lingua como parte da súa loita: punk, metal, heavy... son xéneros que xa non permanecen alleos á evolución do cancioneiro galego.

Tampouco os xéneros nados das culturas urbanas quedan á marxe deste novo renacemento musical. Noel Feáns da fe da variedade musical que emerxe da irrupción das subculturas das grandes cidades na aldea global, tamén en galego: diferentes tribos descendentes do hip hop exhiben as súas armas musicais por todo o país.

Pola súa parte, Viktor Flores, un veterano que coñece mellor que ninguén o que sucede nas pistas de baile e nos garaxes onde rexe o experimental, dará a coñecer os novos camiños polos que circulan as creadoras máis audaces e arriscadas. As bandas de música seguen sendo o viveiro onde se educan xeracións enteiras de músicos. Uxía García Conde revisa o momento polo que pasan estas agrupacións situadas a medio camiño entre o culto e o popular. Igual que os coros, cuxa actualidade -despois de seren os principais vindicadores da tradición culta galega a principio do século XX- debulla  Laura Veleiro.

Académicos e respectados

David Regueiro é o encargado de facer balance do momento excepcional que está a vivir o jazz galego, en moitas ocasións en complicidade cos seus pares portugueses. E Belén Bermejo analizará as dificultades con que se enfrontan os músicos de tradición clásica para atopar apoios que lles permitan continuar acrecentando un rico patrimonio cuxas raíces se remontan á vigorosa creación medieval dos cancioneiros.

Finalmente, Mauro Borrazás repasa a problemática que formula un elemento que podería contribuír en gran medida, polo seu enorme éxito de público, á difusión da música galega, pero que atopa grandes impeitizos na hipertrofia do mercado e no escaso apoio político ás artistas galegas.

Comentarios