Trump chama á unidade dos estadounidenses mentres xorden dúbidas sobre a actuación dos servizos secretos no atentado

O atentado contra o aspirante republicano á presidencia de Estados Unidos, Donald Trump, avanza unha maior polarización nunha sociedade estadounidense moi dividida. Ao tempo, reforza a figura do candidato alternativo ao demócrata Joe Biden, a menos de catro meses dos comicios.
EuropaPress_6087885_screenshot_14_july_2024_us_butler_former_us_president_donald_trump_is
photo_camera Donald Trump despois do atentado. (Foto: Europa Press).

Donald Trump é consciente da inédita división que enfronta a sociedade estadounidense, por iso centrou as súas mensaxes na tarde do domingo en chamados á unidade do país.

Trump sinalou nas súas redes sociais que "neste momento, é máis importante que nunca que nos manteñamos unidos e amósemos o noso verdadeiro carácter como estadounidenses manténdonos fortes e decididos e sen permitir que o mal gañe”.

Unha fractura inédita

A fractura social e política en Estados Unidos é motivo de reflexión en todo o espectro ideolóxico do país. Neste punto, o pensador crítico Noam Chomsky apunta que “o nivel de división social en Estados Unidos só é comparábel ao dos anos previos á guerra civil” de 1861 a 1865.

O sociólogo, profesor da Universidade de Oregon e editor da mítica revista marxista Monthly Review, John Bellamy Foster, coincide con Chomsky no alcance da fractura en Estados Unidos, mais matiza que “na actualidade a fenda máis importante dáse dentro das dúas faccións do poder económico”, en referencia ao capital globalista e ao capital nacional.

A grande pregunta neste momento en todo o mundo son as motivacións do atentado contra Trump. A falta de que avance a investigación sobre a figura e o posíbel móbil do autor do mesmo, Thomas Matthew Crooks, comezan a xurdir críticas sobre o operativo de seguridade.

Eivas na seguridade?

O propio voceiro dos servizos secretos de Estados Unidos, Anthony Guglielmi, saíu onte ao paso das críticas asegurando que “hai afirmacións falsas de que un membro do expresidente solicitou medidas de seguridade adicionais e que foron denegadas. Iso é absolutamente falso”

O analista antiterrorista do Departamento de Estado, Scott Bennett sinalou ao xornal ruso Sputnik que “o servizo secreto foi notabelmente —se non sospeitosamente— lento na protección do expresidente [Trump], similar a como foron lentos en protexer ao exmandatario John F. Kennedy cando lle dispararon en Texas".

Bennett criticou a resposta da intelixencia estadounidense sobre as informacións de testemuñas presenciais respecto da existencia dun tirador armado nos tellados próximos ás vivendas do lugar onde se desenvolvía o acto de Trump.

As posibilidades electorais de Trump

"No transcurso deste intento de asasinato, o tirador unificou, inspirou e deu folgos aos republicanos conservadores e ao bloque moderado de votantes en Estados Unidos para apoiar a Trump”, afirma Bennett, quen considera que a tentativa de magnicidio reforza as aspiracións do candidato republicano.

A totalidade dos analistas consideran que a figura de Trump sae reforzada do atentado. Nesta liña, o profesor da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), Carlos López Alvarado explica a polarización do país, porque “a sociedade estadounidense, a cultura estadounidense está en decadencia”.  

López Alvarado asegura que “a realidade é que hoxe se acaba de cristalizar a volta á presidencia de Donald Trump, entón haberá que ver como reacciona o Partido Demócrata, pero poñan a quen poña na realidade é que Donald Trump, a menos que deteñan, vai chegar á presidencia de Estados Unidos".

A tentativa de asasinato contra Trump prodúcese co aspirante republicano por diante do candidato demócrata nas sondaxes, cuxa debilidade ficou patente esta semana no cumio da OTAN.

Comentarios