Trump ferido nun atentado mentres daba un mitin en Pensilvania

Un francotirador disparou contra a candidato republicano e deixou mortas dúas persoas asistentes ao acto político.

EuropaPress_6087886_screenshot_14_july_2024_us_butler_former_us_president_donald_trump_is
photo_camera Donald Trump ferido tras sufrir os impactos de bala. (Foto: Europa Press).

O candidato republicano á presidencia de Estados Unidos, Donald Trump, sufriu un atentado mentres participaba nun acto de campaña na cidade de Butler, en Pensilvania, un dos Estados considerados chave por todos os analistas nas eleccións de 5 de novembro.

Trump foi alcanzado por unha bala que lle deu na orella cando levaba varios minutos falando. Nese momento, caeu ao chan, sendo retirado posteriormente do escenario por axentes de seguridade mentres un regueiro de sangue cubría o seu pescozo.

O aspirante republicano sinalou horas máis tarde nas súas redes sociais que estaba “ben”. Na mesma mensaxe, afirmou que “recibín un disparo de bala que me atravesou a parte superior da orella dereita”.

Souben inmediatamente que algo ía mal porque oín un ruído forte, disparos, e inmediatamente sentín a bala rachando a pel”, continuou Trump, quen indicou que “sangraba moito e entón deime conta do que estaba a pasar”.

Trump agradeceu aos servizos de seguridade “a súa rápida resposta ao tiroteo”. Na mesma comunicación, quixo trasladar “o pésame á familia da persoa do mitin que foi asasinada, e tamén á familia doutra persoa que resultou gravemente ferida”. Horas máis tarde este cidadán morrería nun hospital de Butler.

“É incríbel que un acto así poida ter lugar no noso país”

“É incríbel que un acto así poida ter lugar no noso país. Non se sabe nada neste momento sobre o tirador, que agora está morto”, denunciou Trump, que pasa así a facer parte da longa lista de presidentes ou candidatos estadounidenses vítimas de atentados con diversos resultados.

As forzas de seguridade sinalaron como autor dos disparos contra Trump a Thomas Matthew Crooks. Crooks, un mozo de 20 anos natural do Estado de Pensilvania, morreu a consecuencia das balas dos axentes que custodiaban o recinto.

O FBI, corpo policial encargado da investigación do atentado, confirmou a acción como unha tentativa da asasinato mais descoñece, polo momento, as motivacións de Crooks e as súas posíbeis ligazóns e apoios.

O atentado contra Trump introduce máis incerteza e dúbidas nunha sociedade estadounidense cada vez máis divida e enfrontada. Ao tempo, semella reforzar as opcións do candidato republicano de cara as presidenciais de novembro.

Comentarios