Xiro de temón de Zelenski sobre as conversas de paz: "Creo que neste segundo cumio deberían de participar representantes rusos"

O 44% dos ucraínos e das ucraínas cren que chegou o momento de empezar a negociar o final da guerra con Rusia, fronte a 35% que se mostra en contra e 21% que non ten unha opinión clara, segundo unha enquisa.
O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto).
photo_camera O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto).

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, mostrouse por vez primeira partidario de que Rusia participe nun segundo cumio para a paz, tras máis de dous anos de guerra entre ambos os Estados. Así o fixo nunha xornada na que foi publicada unha sondaxe que estima que só un terzo dos ucraínos e da ucraínas se opoñen a empezar a negociar o fin da guerra con Moscova.

"Creo que neste segundo cumio deberían de participar representantes rusos", afirmou o mandatario ucraíno nunha rolda de prensa en Kíiv, engadindo que espera que un "plan" para a devandita reunión estea listo en novembro.

A mediados de xuño, decorreu o chamado 'Cumio de paz de Ucraína', unha reunión entre delegacións internacionais á que Rusia non foi convidada. Neste contexto, moitos Estados non asistiron ao evento e outros moitos non asinaron a declaración conxunta.

Un viceministro de Asuntos Exteriores ruso dixo a semana pasada que Moscova non asistiría a un cumio de seguimento da conferencia de paz decorrida en Suíza. Porén, o Kremlin foi menos categórico e dixo que non había "substancia precisa" sobre a idea dunha segunda cimeira.

O presidente ucraíno dixo tamén non estar preocupado por que o Partido Republicano poida gañar as eleccións nos Estados Unidos de América. "Creo que se Donald Trump chega a ser presidente, traballaremos xuntos", dixo.

Ademais, aínda que aceptou que unha boa parte da formación de Trump ten unha mensaxe "máis radical" con respecto á necesidade de acabar conflito e parar o envío de financiamento da guerra, afirmou que "a maioría do Partido Republicano apoia Ucraína e o pobo ucraíno".

Sondaxe sobre as negociacións con Rusia

O 44% dos ucraínos e das ucraínas cren que chegou o momento de empezar a negociar o final da guerra con Rusia, fronte a 35% que se mostra en contra e 21% que non ten unha opinión clara respecto diso, segundo unha enquisa encargada polo medio ucraíno ZN.

Unha enquisa similar en maio de 2023 mostraba que só 23% dos ucraínos e das ucraínas estaba a favor de abrir negociacións con Rusia. O maior nivel de apoio ás negociacións dáse no sur de Ucraína, onde 60% das persoas residentes son partidarias de empezar a negociar.

Con todo, a abafadora maioría dos enquisados rexeitou as condicións para a paz propostas polo presidente ruso Vladimir Putin. Máis do 80% das persoas enquisadas están en contra de facer concesións territoriais, mentres que 76% rexeita o levantamento das sancións contra Rusia e pouco menos de 60% oponse a un status neutral para Ucraína, segundo esta sondaxe.

Comentarios