Putin ofrece retomar as negociacións con Ucraína sobre a base dos acordos de Estambul

A China pide traballar pola paz e os EUA anuncian un novo envío de armas.
Xi Jinping e Vladimir Putin, esta quinta feira nunha cimeira en Casaquistán (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press).
photo_camera Xi Jinping e Vladimir Putin, esta quinta feira nunha cimeira en Casaquistán (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press).

O presidente ruso, Vladimir Putin, afirmou onte que os malogrados acordos de Estambul "seguen sobre a mesa". "Rusia nunca se negou e agora está disposta a continuar as conversas de paz. Foi Ucraína a que se negou a negociar, e fíxoo publicamente por orde directa de Londres", afirmou o mandatario. 

Sinalou ademais que, a pesar de que os acordos de Istambul "non foron a ningunha parte", estiveron asinados polo xefe da delegación negociadora ucraína dese entón, engadindo que poden servir de base para continuar as negociacións de paz.

Os acordos de Estambul, baixo a mediación do presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, e que supuñan unha base para un alto o fogo, incluían o status neutral de Ucraína (negativa a entrar na OTAN, a estacionar tropas estranxeiras no seu territorio, a desenvolver armas nucleares e a realizar manobras militares sen o consentimento dos Estados garantes). A cambio, Kíiv contaba con garantías internacionais de seguridade.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, apuntou onte que un alto o fogo "só é posíbel" mediante unha plataforma internacional coa presenza de "líderes recoñecidos" de diferentes Estados.

"Se queremos que esta guerra acabe de forma xusta tanto para Ucraína como para o resto do mundo, é preciso achar unha postura para deter Putin. De outra forma, o final proposto non será xusto para nós", engadiu Zelenski.

A China e os EUA

Neste contexto, o presidente chinés, Xi Jinping, apostou onte por unha solución política, "pacífica e negociada", e recalcou que a China tratará de desempeñar un papel activo para alcanzar esta meta xa que "sempre está no lado bo da historia".

Pola contra, o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, non se referiu onte ás formulas para chegar a un acordo de paz que acabe coa guerra en Ucraína e que diminúa as tensións xeopolíticas con Rusia, senón que anunciou un novo paquete de axuda militar a Kíiv valorado en 140 millóns de euros destinado a "reforzar as capacidades ucraínas en toda a fronte".

Comentarios