A "poesía do pobo" será a protagonista do Día das Letras Galegas en 2025

A música e as cantigas son un dos principais vehículos da lingua e as que conteñen a súa memoria sentimental. A Real Academia Galega aposta en 2025 polo cultivo popular do idioma, ao dedicar o Día das Letras Galegas ao cancioneiro galego. 
 
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na rolda de prensa posterior ao pleno da Academia.
photo_camera O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na rolda de prensa posterior ao pleno da Academia.

A decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras Galegas do ano 2025 ao cancioneiro popular galego é valente: tende a man a unha manifestación da lingua moi afastada dos usos literarios que fundamentan a existencia dunha Academia. Porén, a realidade histórica que constata que foi precisamente o sustrato popular o que termou da existencia do galego durante séculos xustifica plenamente a elección.

"É unha cuestión de xustiza", declara a Nós Diario a académica Ana Boullón, autora da proposta. "As mulleres que transmitiron esa tradición musical e literaria non só foron intérpretes, senón tamén compositoras. E esa literatura popular simboliza moi ben a supervivencia da lingua galega a través dos séculos: na intimidade, como algo que non debía saír demasiado cara a fóra e que non era contemplado nos cenáculos cultos... Pero é de aí de onde vimos nós".

Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década, son as mulleres -"creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir"- que a RAG sinala como representación "das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda a Galiza coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións", segundo explica a institución.

"É unha opción que xa consideraramos o ano pasado pero tampouco podiamos ignorar o vixésimo aniversario da morte de Luísa Villalta", salienta o presidente da RAG , Víctor F. Freixanes, en conversa con Nós Diario. "Desde hai anos percibimos na sociedade unha fervura e un entusiasmo na recolla do patrimonio ao que a Academia non debía permanecer allea. E por outro lado, era unha forma de recoñecer o valor da muller como transmisora do patrimonio histórico da lingua a través do folclore".

A RAG, ademais, quere enlazar a celebración de 2025 coa do presente ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza o herdo transmitido dunha xeración á outra: As coplas aprendidas na saia da avoa. Así, réndese homenaxe a unha tradición que se mantén viva na "modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida", segundo a RAG.

"É que a lingua non é só texto escrito: tamén está na música, no audiovisual... en todas partes. Hai que reivindicar unha visión da lingua máis conectada con todas esas formas de expresión", subliña o presidente da Real Academia Galega.

"A distinción que facemos entre literatura culta e literatura popular non deixa de ser un artificio", acrecenta Boullón. "Xa o Padre Sarmiento recoñecía o valor da nosa literatura popular, e mesmo compuxo o seu Coloquio en verso para destacar a súa importancia. E con esta elección tamén queremos desterrar da palabra folclore todo sentido pexorativo".

Un legado vivo

A RAG quixo lembrar o labor de recuperación e posta en valor do cancioneiro popular realizado no século XX, lembrando o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado do Cancioneiro popular galego, que permitiu identificar informantes como as que se homenaxearán en 2025.

Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, desde os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens.

Iniciativas de persoas como estas, que foron recollendo os cancioneiros populares por todo o país, contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. 

"Tamén queriamos lembrar o traballo que fixeron todas esas persoas que levaron a cabo ese labor de recolla da tradición popular e que, a través da música, propiciaron o aumento do prestixio da lingua", explica Freixanes.

Fronte ao que aconteceu noutras latitudes, o cancioneiro galego chegou desbordante de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG faille agora xustiza a este legado e ás súas autoras, dedicándolles a gran festa da cultura galega.

"As creadoras modernas non saen da nada, son continuadoras dunha liña que vén de moi atrás. O popular, cando é realmente un fenómeno do pobo, evoluciona canda a sociedade", afirma a académica Ana Boullón.

As protagonistas

Dorothé Schubarth chegou á Vila da Igrexa, en Cerceda, en marzo de 1980 para gravar e documentar o canto de Rosa (1912-2009) e Adolfina Casás Rama (1913-2005). A musicóloga ficou abraiada pola variedade das melodías que achegaron e a orixinalidade das súas coplas, algunhas delas únicas.

Eva Castiñeira (1926-2010), veciña do lugar de Agranzón, en Muxía, emigrou á Coruña -como moitas mulleres do seu tempo- para traballar no servizo doméstico. A principios da década de 1980 traballaba como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e lle falou dela a Rodrigo Romaní. Pouco despois, en 1981 era convidada por Milladoiro, Eva convertíase, canda a súa sobriña, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk.

As Pandeireteiras de Mens foron cinco labregas da parroquia malpicá que lles deu nome: Prudencia Garrido Ameijende (1905-1993) e a súa irmá Asunción (1915-2007), do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar (1913-1993), Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.

A historia das tamén chamadas "Vellas de Mens" foi rescatada nunha completa obra de Beatriz Busto levada ao prelo en 2021 pola Central Folque. Nestas páxinas a musicóloga e antropóloga refírese a elas como "a cabeza visíbel do rexurdimento moderno da música bailábel de tradición oral na Galiza".

Tradición e evolución

A candidatura apoiada polo Pleno da RAG refírese tamén ás novas xeracións de intérpretes e creadoras actuais que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos anos 70 e despois Milladoiro, até Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Casandra ou Tanxugueiras.

Comentarios