Obituario

Falece en Ribeira, aos 72 anos, o profesor e tradutor Xosé Antón Parada

Parada foi recoñecido por traducir ao galego, desde a súa lingua orixinal, a acadia, o 'Código de Hammurabi'.
O profesor e experto en linguas antigas Xosé Antón Parada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O profesor e experto en linguas antigas Xosé Antón Parada. (Foto: Nós Diario)

O profesor de Secundaria do IES da Pobra do Caramiñal e tradutor especializado na lingua acadia Xosé Antón Parada Fernández, nado en Moaña pero asentado desde hai décadas en Touro (Ribeira), faleceu esta segunda feira aos 72 anos, segundo puido saber Nós Diario. Entrou en contacto co nacionalismo a finais dos anos 60 e integrouse na Frente Cultural. Formaría parte da UPG, ERGA, ANPG, BNPG e, por último, coa constitución do BNG, pasaría a militar nel.

Traballou en asociacións de veciños e veciñas e asociacións culturais como O Eixo, O Galo ou Xoves Culturais do Barbanza —da que foi presidente—. Actualmente era socio de Altofalante. Sindicalmente pertenceu á UTEG e estaba sindicalizado á CIG-Ensino, do que foi liberado durante dous anos. Tamén foi concelleiro en Ribeira.

Parada foi recoñecido por traducir ao galego numerosos textos dunha lingua morta como a que se falaba na antiga Babilonia, a acadia, como é o caso do Código de Hammurabi (Rinoceronte), un conxunto de 282 leis rexistradas nunha pedra polo rei de Babilonia Hammurabi. A obra presentouse a finais do ano 2022 en Ribeira e sobre ela falou nas páxinas de Nós Diario.

"O Código de Hammurabi foi o máis importante tanto pola súa fixación por mantelo escrito como pola súa transcendencia social na época. Hai que ter en conta que se fixo nun momento en que o rei Hammurabi acababa de pacificar a contorna territorial", dicía daquela.

En setembro do pasado ano Parada foi distinguido, canda Eva Almazán, co Premio Plácido Castro de Tradución, pola adaptación ao galego do Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.

"Temos que tomar conciencia de que unha lingua que se valore ten que contar con obras tan antigas traducidas. Son chanzos no nivel de formación cultural do noso pobo. As linguas, onde tamén se forxan, é na tradución. En verter dentro desa lingua as obras máis importantes da historia", afirmaba o profesor a este xornal en 2022.

Comentarios