A pretempada 2024/25 trae consigo máis de 30 partidos para os equipos galegos da elite

Rematada de forma oficial a tempada 2023/24 logo da conclusión da Copa América e da Eurcopa, e sen tempo ningún para coller folgos, os distintos equipos galegos, co Celta á cabeza, xa quentan motores de cara a unha campaña 2024/25 que prepararán cun intenso calendario de amigábeis para os representantes do país na Primeira, a Segunda e a Primeira Federación.
O Celta abriu oficialmente o calendario de amigábeis co duelo do pasado sábado ante o Benfica (2-2). (Foto: SL Benfica).
photo_camera O Celta abriu oficialmente o calendario de amigábeis co duelo do pasado sábado ante o Benfica (2-2). (Foto: SL Benfica).

Acabou o fútbol? Non, nin moito menos! A conclusión este pasado domingo tanto da Eurocopa como da Copa América puxo fin oficialmente á tempada 2023/24, mais se algo caracteriza o fútbol moderno é unha esixencia ilimitada que leva a que as pernas dos futbolistas deban aguantar un nivel de presión moi superior ao que debían soportar as estrelas do pasado, que contaban con moitas máis vacacións.

Así, os representantes da Galiza nas tres principais categorías do fútbol masculino xa regresaron ao traballo para preparar do mellor modo posíbel unha campaña 2024/25 que comezará ás 19 horas do 16 de agosto para o Celta na Primeira División; ás 17 e ás 19 horas do 17 de agosto para Rácing de Ferrol e Deportivo, respectivamente; e nunha data aínda por determinar para Celta Fortuna, Ourense Club de Fútbol, Lugo e Arenteiro na Primeira Federación.

Por iso, as direccións deportivas dos sete conxuntos configuraron un calendario de compromisos amigábeis que, desde esta mesma sexta feira, levaraos a disputar unha cifra superior aos 30 encontros, a meirande parte deles concentrados no propio país ou en territorios fronteirizos como Portugal ou Asturias.

O máis madrugador foi un Celta de Vigo quen xa abriu fogo o pasado día 13 de xullo, empatando a dous co poderoso Benfica portugués. Xa esta sexta feira, os celestes colidirán co Vizela, seguíndolle despois os duelos co Sporting de Xixón (23 de xullo), Gil Vicente (26 de xullo), Lille (30 de xullo), Luton Town (3 de agosto), Celta Fortuna (7 de agosto) e West Ham (10 de agosto).

Pola súa parte, o recentemente ascendido Deportivo xogará contra Ourense CF (23 de xullo), Famaliçao (30 de xullo), Gil Vicente (apenas 24 horas máis tarde, o 31 de xullo), Chaves (3 de agosto) e Unionistas-Oviedo no Teresa Herrera do 9 ao 11 de agosto. Trátase dun calendario moito máis intenso -polo de agora, pois é previsíbel que confirme un ou dous partidos máis- que o dun Rácing que se medirá con Mugardos (20 de xullo), Bergantiños (24 de xullo), Ourense CF (27 de xullo) e Real Madrid B (1 de agosto).

O Dépor presenta Luís Chacón

O Real Club Deportivo da Coruña presentou esta segunda feira a súa última fichaxe, o atacante Luís Chacón. Procedente do Club Deportivo Arenteiro da Primeira Federación do fútbol estatal e natural de Pontedeume (Betanzos), dá o salto á Segunda División por primeira vez na súa carreira grazas a un conxunto herculino que xa intentou, sen éxito, a súa incorporación o pasado mes de xaneiro.

Acompañado do secretario técnico branquiazul, Fernando Soriano, Chacón non puido ocultar a súa alegría: "Tiña moitas ganas de vir, esta será unha oportunidade de medrar e un salto de calidade para min". Con todo, non quixo marcarse ningún obxectivo máis alá do típico e tópico "partido a partido", e mostrouse feliz por coincidir con compañeiros no recente partido da selección galega disputado en Balaídos como Villares ou Lucas. 

Comentarios