Movementos en 'Casa Celta': Adeus a Strand Larsen e ola a Elena Pérez

O xigante noruegués pon rumbo aos Wolves ingleses.
Strand Larsen xa non é celeste. (Foto: LFP).
photo_camera Strand Larsen xa non é celeste. (Foto: LFP).

O Real Club Celta de Vigo oficializou  un segredo a voces: a marcha do dianteiro noruegués Jørgen Strand Larsen ao fútbol británico logo de dúas tempadas defendendo as cores celestes.

Aos seus 24 anos, e tras explotar na 2023/24 logo dunha discreta campaña debut coa camiseta olívica, o internacional deixa Vigo após marcar 17 goles co Celta nos 69 partidos ligueiros que disputou, nos que foi a principal referencia ofensiva para os catro adestradores que tivo nese tempo (Eduardo Coudet, Carlos Carvalhal, Rafa Benítez e Claudio Giráldez).

Contratado por 12 millóns ao Groningen neerlandés, Larsen pasará á histoira como unha fichaxe moi rendíbel para o club, pois agora pon rumbo ao Wolverhampton -máis coñecido como 'Os Wolves'- inglés a cambio de 30 millóns de euros.

Porén, a operación ten o seu aquel, pois nun dos movementos de enxeñería financeira tan habituais no fútbol moderno, o formato escollido para a venda de Larsen non é un simple traspaso, senón unha cesión por un ano con opción de compra obrigatoria, pola cal a escuadra olívica tan só percibirá agora tres millóns de euros, recibindo os 27 que restan do total da operación xa en 2025.

Nun vídeo publicado como despedida, 'Xurxo', como tamén era coñecido, mostrouse triste, mais recoñeceu que era unha "oportunidade" que non podía deixar pasar e desexoulle "o mellor" ao seu xa ex equipo.

Pero, como dicía Julio Iglesias, "unos que vienen otros que se an", e se Xurxo Larsen non volverá vestir a celeste, desde agora esas serán as cores de Elena Pérez. A dianteira de 20 anos militaba até o de agora no Friol, onde foi un dos nomes máis destacados na convulsa tempada do club, o que lle levou a dar o salto á nova sección feminina do Real Club Celta de Vigo. 

O arbense Yoel reforzará a portería do Rácing

O Rácing de Ferrol, un dos dous representantes da Galiza na categoría de prata do fútbol masculino estatal, anunciou a chegada de dous reforzos destinados a competir pola titularidade na portería.

Trátase do arbense Yoel -teórico elixido- e o catalán Jesús Ruíz. O primeiro chega aos Diaños Verdes con 35 anos de idade logo dun periplo dunha década lonxe da súa terra por clubs como Valencia, Raio Vallecano, Valladolid e Eibar, onde non contou con oportunidades a tempada pasada. O segundo, pola súa parte, procede do recentemente descendido Alcorcón, a onde chegou en 2020 con 23 anos logo de formarse na canteira do Real Club Deportivo Espanyol.  

Comentarios