O futuro do atletismo do país, rumbo ao Estatal Sub-18

Numerosas opcións de medalla para a Galiza.
Sabela Martínez (á dereita) foi campioa de España Sub-16 en 2023. (Foto: SXP).
photo_camera Sabela Martínez (á dereita) foi campioa de España Sub-16 en 2023. (Foto: SXP).

Un total de 59 galegos e galegas tomarán pare esta fin de semana no Estadio Cidade de Málaga no Campionato de España Sub-18 de aire libre que se disputa na localidade andaluza da que toma o nome o recinto.

A este encontro acoden os e as representantes do país con importantes aspiracións de medallas e o obxectivo de mellorar os catro metais e dez postos de finalistas que lograron o  pasado ano en Xixón (Asturias).

Entre os mellores situados para logralo está Iker Fernández (A Gándara), quen chega coa segunda mellor marca na proba dos 1.500 metros masculinos, mentres que nos femininos a bronce en pista cuberta no recente Estatal de Sabadell, Eva Rouco (Lucus Augusti Caixa Rural) aspira a facer valer o seu rexistro de 4.31.72 para coarse na pelexa polas medallas.

Tamén no medio fondo, e máis concretamente nos 800 metros lisos, a vixente campioa de España 'Indoor', Celia Castro, será novamente unha das grandes candidatas a subir al máis alto do podio na distancia, o mesmo que Teo de Frutos (Lucus Augusti Caixa Rural) e Sabela Martínez (Sociedade Ximnástica de Pontevedra),  que buscarán revalidar os seus títulos e completar así unha tempada fantástica nos 3.000 metros.

Xa nos valos, a delegación nacional estará encabezada polo  subcampión de España ao aire libre do pasado ano 2023, Leo Rodríguez (Celta), quen salvo sorpresa estará tomando parte na disputa directa polas medallas dos 400 valos.

Nos concursos merecen atención especial Gonzalo Cuns (Atletismo Negreira) no triplo salto -pois acude coa segunda mellor marca-; Enzo Lóez (Barbanza) no disco; Gema Dacosta (Vila de Cangas) no lanzamento de peso; Álex Corbacho (Rías Baixas), subcampión estatal en 2023 e Lara Iglesias (Atlética Barbanza), líder do ránking estatal con 50,51 metros, en xavelina.

A maiores, Sebastián Bascoy (Coruña Comarca) promete dar que falar nos 200 metros lisos; Nicolás Collazo (Ames Atletismo) na marcha; Debris Paniagua (O Pino) nos obstáculos; Iria Solera (A Purísima) no salto de altura; Mar Simón (Celta) en disco; Álex Sierpes (Trega) nos 1.500 metros lisos); Javier Pico (Marineda) nos 400 metros e Eloy Acuña (SXP) en peso, sen esquencer o que poida facer o conxunto herculino do Marineda nas remudas 4x100.

Comentarios