O 'trail running' chega á Costa da Morte

A dificultade multiplícase na segunda edición da proba  'Os Nosos Faros'.
Esta cita deportiva está programada o sábado 20 de xuño, con saída prevista ás 9.30 horas e unha extensión de 29 quilómetros.  (Foto: Antonio Amboade / O Camiño dos Faros).
photo_camera Esta cita deportiva está programada o sábado 20 de xuño, con saída prevista ás 9.30 horas e unha extensión de 29 quilómetros. (Foto: Antonio Amboade / O Camiño dos Faros).

'Que sabemos do trail running?' Reinterpretando a fórmula empregada por Antón Reixa -de actualidade nas últimas datas pola publicación da súa escolma poética- ao comezo do álbum Gora Herria da banda Negu Gorriak ("Que sabemos de Euskadi?", preguntábase) trataremos de dar resposta a unha cuestión que aínda se escoita no mundo do deporte galego a pesar do auxe que vive esta disciplina con máis de 100 anos de historia.

Esta modalidade atlética diferénciase doutras variantes tradicionais como os 100 metros lisos, o salto de lonxitude, o maratón ou a marcha en que non ten lugar en contornas urbanas ou sobre a pista de tartán sintético, senón que abraza a natureza para desenvolverse nos montes, as montañas ou incluso os desertos, estando recoñecida desde 2015 pola Association of Athletics Federations (IAAF), o organismo reitor do atletismo a nivel internacional, como unha disciplina en pé de igualdade co resto das mencionadas anteriormente. 

No eido da Galiza, en 2023, logo de que Iván Sanmartín collese a remuda de Isidro Hornillos á fronte da Federación Galega de Atletismo (FGA), decidiuse que Iván Sangiao estivese a cargo dun departamento dedicado exclusivamente ao trail running. A súa meta era "desenvolver o potencial do país a causa da súa orografía e crear un calendario competitivo apetecíbel para todos os e as amantes do trail running". 

Meses antes incluso de que Sanmartín accedese en decembro de 2022 á presidencia da FGA, o 16 de xullo dese ano, levouse a cabo a edición inaugural  do trail 'Os Nosos Faros', unha carreira que partiu do Faro de Punta Nariga (Malpica) e constou de 18,2 quilómetros de extensión após decorrer polo porto e o areal de Barizo, a praia de Seiruga, Beo, Cabo de San Hadrián e o paseo marítimo de Malpica.

Agora, dous anos despois, a Asociación Os Faros da Vida, entidade organizadora da proba, decide subir a aposta oficializando o regreso dun certame que multiplica non só o número de quilómetros, senón tamén a súa dificultade.

Así, o próximo sábado 20 de xullo desenvolverase o II Trail Costa da Morte Os Nosos Faros, cun percorrido de 29 quilómetros e saída prevista ás 21.30 horas, unha vez máis desde o Faro de Punta Nariga, todo coa expectativa dunha gran paella mariñeira agardando polos e polas participantes ao final do circuíto e a colaboración imprescindíbel de entidades  públicas e privadas como a Deputación da Coruña, a Xunta da Galiza, a Federación Galega de Atletismo ou Gadis.

Alí, segundo recoñeceu para Nós Diario Juan Carlos Álvarez, responsábel da entidade organizadora, optarán ao triunfo final "arredor de 50 persoas" que buscarán sumar puntos de cara ao circuíto coordinado pola FGA nun evento que cualificou de "duro".

Con respecto ás peculiaridades que o distinguen de tantos outros trail running que están proliferando pola Galiza, Álvarez puxo o foco no "escenario único" que terá, nin máis nin menos que "o máis salvaxe Atlántico, sen nada de interior, practicamente no mesmo cantil, a carón do mar".

Ademais, engadiu, "ten unha serie de particularidades exclusivas, como os máis de 500 metros de subida coa máxima pendente  que comunican o nivel do mar coa ermida de Santo Adrián, e que será moi complicado que alguén, por moito nivel que teña, suba correndo, terán que diminuír a marcha e subir andando", concluíu.

Un percorrido "duro" cunha gran diversidade orográfica

Esta segunda edición do Trail Costa da Morte Os Nosos Faros, tal e como sinala Juan Carlos Álvarez, destaca pola súa dificultade: "É unha proba dura fóra do que é o asfalto, pois este ano temos moitos máis puntos de desnivel, a carreira está lonxe do que vén sendo unha andaina convencional tanto no referente á pendente como á súa extensión". Ademais, o presidente da entidade organizadora engadiu que "hai tramos moi técnicos e mesmo con algo con maleza, para xente xa experimentada".

Comentarios