París 2024

Aguilar, Ben, Chamosa, Navarrete, Novales, Peleteiro e Toimil: a representación galega no atletismo olímpico

A Federación de Atletismo confirma a presenza en París de 57 atletas, das que sete son galegas.
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Ester Navarrete, Tariku Novales, Antía Chamosa, Adrián Ben, Belén Toimil, Ana Peleteiro e Yulenmis Aguilar. (Fotos: RFEA | Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Ester Navarrete, Tariku Novales, Antía Chamosa, Adrián Ben, Belén Toimil, Ana Peleteiro e Yulenmis Aguilar. (Fotos: RFEA | Europa Press)

Finalmente serán sete as galegas e galegos que representarán o país nas diferentes probas de atletismo dos Xogos de París. O Consello Superior de Deportes xa inscribira os maratonianos Tariku Novales e Ester Navarrete e mais a marchadora Antía Chamosa, e agora súmanse outros catro nomes que non podían faltar nesta nova cita olímpica: Adrián Ben, Ana Peleteiro, Belén Toimil e Yulenmis Aguilar.

Así o vén de confirmar a Real Federación Española de Atletismo a través dun vídeo difundido en redes sociais no que informa de que contará en París 2024 cun total de 57 atletas: 31 mulleres e 26 homes, das que cinco son galegas e dous galegos. Esta cifra, porén, podería aínda aumentar, pois a RFEA está á espera de posíbeis renuncias para incorporar outras cinco atletas que lograron as súas respectivas marcas mínimas para estar nos Xogos.

A representación galega encabézaa unha atleta máis que consagrada como Ana Peleteiro, bronce en triplo salto en Tokio 2020 e medalla de ouro no Europeo de Roma do pasado mes de xuño. A barbanzá vese favorita en París pola ausencia da actual campioa olímpica, a venezolana Yulimar Rojas, por lesión.

Tampouco resulta descoñecido o nome de Adrián Ben, quinto nos 800 metros en Tokio na que foi a primeira final nesta proba para un atleta galego, fito inédito tamén en todo o Estado español. Este ano volverá tentar sorte en París após rematar sexto no Europeo de Roma. Canda el viaxan os españois Mohamed Attaoui e Josué Canales.

No caso da maratón Galiza contará nestes Xogos con dobre representación: Tariku Novales, na proba masculina, e Ester Navarrete, na feminina. Ambos os dous chegan nun excelente momento de forma e cunha carta de presentación envexábel, pois Novales ostenta actualmente o récord do Estado español nesta disciplina e Navarrete a segunda mellor marca de todos os tempos.

Na proba de lanzamento de peso repite nunha cita olímpica a mugardesa Belén Toimil, que hai tres anos foi vixésimo terceira pero que agora chega nun momento doce e con claras opcións de ficar na parte alta da clasificación. Toimil comezou o pasado mes de xuño facendo historia no Europeo de Roma, onde roldou o podio e concluíu finalmente quinta cun lanzamento de 18,43 metros... e rematouno cun novo récord nun Estatal (18.75).

Seguindo co lanzamento, mais neste caso de xavelina, Yulenmis Aguilar, orixinaria de Cuba mais afincada na Galiza, será a primeira representante do Estado español nesta modalidade en 16 anos, desde Pekín 2008. No Europeo de Roma deste ano foi décimo terceira cunha marca de 57,27 metros.

Por último, a atleta pontevedresa Antía Chamosa, que semella non ter teito, formará parte do equipo mixto de remuda de marcha en París. A pasada semana sumou un novo metal á súa conta particular, a prata nos 10 quilómetros marcha, cun rexistro de 44:39.24, o novo récord galego. Na Copa do Mundo de Turquía deste ano, aliás, rematou novena nos 20 quilómetros, proba na que logrou o bronce por equipos.

Comentarios