Primeiras medallas para o piragüismo galego no europeo de Suíza

Estes días, a localidade suíza de Dallenwil acolle o Campionato de Europa de Piragüismo de Augas Bravas Júnior e Sub-23 2024. Na primeira xornada conseguiron o bronce en C2-clásica pola súa boa actuación as novas promesas do Quixós, a parella formada por Noa Díaz e Ximena Prats.
Ximena, Noa e Eider en Suíza (Foto: FGP).
photo_camera Ximena, Noa e Eider en Suíza (Foto: FGP).

A localidade suíza de Dallenwil, está a ser o escenario do Campionato de Europa de Piragüismo de Augas Bravas Júnior e Sub-23 2024. O evento congrega, até o sábado, as novas promesas do piragüismo de todo o continente. A representación galega será de 11 deportistas que padexarán na modalidade clásica e na de sprint. 

Na primeira xornada conseguiron o bronce en C2-clásica pola súa boa actuación as novas promesas do Quixós, a parella formada por Noa Díaz e Ximena Prats. Compiten estes días tamén, na categoría sub-23 masculina nas probas de K1 e patrullas,  os padexeiros Saul Rodríguez (Fluvial O Barco),  Javier Rodríguez (Piragüismo Cidade de Lugo) e Gabriel Rodríguez (Piragüismo Quixós).

Na mesma categoría feminina, Nuria Romero e Enma Devesa, ambas as dúas do Piragüismo Cidade de Lugo, participarán nas probas de K1 e patrullas.

Na categoría xuvenil masculina, Efrén Álvarez (Piragüismo Quixós), Daniel Núñez (Fluvial O Barco) e Jacobo Rodríguez (Piragüismo Quixós), loitarán no K1, con Efren e Daniel tamén competindo nas probas de patrullas.

Na categoría xuvenil feminina, ademais de Ximena Prats e Noa Díaz, compite Alba Bueno (Piragüismo Cidade de Lugo). Neste campionato, para esta sexta feira están previstas as eliminatorias de sprint e o sábado o evento culminará coas finais individuais de sprint en augas bravas e as competicións por equipos.

Copas en Ribadeo e circuíto na Coruña

O piragüismo tamén ten unha cita coa copa Deputación de Lugo e o Circuíto da Coruña. A primeira decorrerá na ría de Ribadeo o domingo, coa participación de 175 deportistas, e o segundo será o sábado na praia de Oza (A Coruña) coa III Regata do Circuito Deputación que congregará 306 deportistas. 

Comentarios