Belén Toimil liderará a selección galega no Campionato de España de Federacións Autonómicas

Vinte e tres deportistas participarán esta fin de semana no Campionato de España de Federacións Autonómicas que terá lugar en La Nucía, en Alacant (Països Catalans).  Ademais, a Galiza tamén estará presente no campionato máster da localidade madrileña de Alcobendas.
Belén Toimil nos absolutos da pasada fin de semana (Foto: RFEA).
photo_camera Belén Toimil nos absolutos da pasada fin de semana (Foto: RFEA).

Esta fin de semana, a selección galega absoluta de atletismo participará no Campionato de España de Federacións Autonómicas que terá lugar en La Nucía, en Alacant (Països Catalans). Será o 6 de xullo e desde a Galiza viaxarán vinte e tres campioas e campións da pasada edición, levada a cabo en Vigo, ademais dalgunha incorporación de última hora.

Á cabeza das mesmas, e como abandeirada da selección, acudirá a plusmarquista estatal e atleta olímpica en Toquio-20 e que novamente o será en Paris-24, Belén Toimil, que participará no concurso de lanzamento de peso. Xunto a ela estará o medallista de bronce no pasado campionato de España nos 10.000 marcha, Dani Chamosa, que loitará polo metal na proba de marcha. Ademais, o internacional venezolano e terceiro clasificado no estatal de combinadas Gerson Vidal Izaguirre, estará defendendo os intereses galegos un ano máis, nesta ocasión no concurso de pértega. 

Ademais, salientar como participantes, a presenza de Eric Méndez e Blanca Pereira en martelo, Paula Piñón en xavelina e Sergio Coello en lonxitude. Non faltarán tampouco á cita, con plusmarcas absolutas, Uxía Pereira e Hugo Vázquez. 

Presenza no Campionato de España máster

O atletismo galego, ademais, ten unha cita a partir desta quinta feira, e até o 7 de xullo, en categoría máster. Será na localidade madrileña de Alcobendas onde un total de 215 deportistas da Galiza buscarán medalla co resto atletas nunha nova edición do Campionato de España ao aire libre máster. 

Entre a relación que acode, estarán os campións de España de 2023, Miguel Gómez, nos 100 e nos 200 metros M40; Juan Luis Paz, nos 100 valos e lonxitude M50; Pablo Fervenza,  nos 1.500 metros e nos 5.000 metros M70; Bea Viteri, en pértega F35; Tania Valverde, en lonxitude F35; José Fernández Nieves,  nos 5.000 marcha; Fernando Paredes, en peso M45; Javi Viteri,  en martelo pesado e xavelina M60; e Ángeles Rodríguez en peso, disco, martelo pesado e xavelina M65.

Ademais, viaxarán a plusmarquista mundial Esther Pedrosa, que correrá en 400, 800 e 1.500 metros F60 e o campión mundial máster Juan Manuel Morales, que fará o mesmo nos 5.000 marcha M40.

Comentarios