Turismo

A Xunta acusa Compostela de "deslealdade institucional" e nega que na Galiza haxa "masificación" turística

Fontes municipais, con todo, incidiron en que Merelles estaba convidado o acto de presentación desta quinta feira, pero declinou asistir. A Xunta, pola súa oarte, sostén que a convocatoria chegou "con menos de 24 horas de antelación".
Turistas nunha rúa céntrica da zona vella de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Turistas nunha rúa céntrica da zona vella de Santiago. (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza censurou esta quinta feira a presentación da taxa turística que propón o Concello de Compostela no que respecta ao deseño e remisión do informe do citado gravame que propón o Goberno de Goretti Sanmartín. O director da Axencia Turismo da Galiza, Xosé Manuel Merelles, afeou a "deslealdade institucional" do Executivo local e criticou que, á marxe das pernoitas, na proposta "non se aborden outras cuestións como o excursionismo".

Nun acto na capital galega, a preguntas dos medios, Merelles defendeu que a proposta debería abordarse no marco do Plan de Sustentabilidade Turística, do que participan tamén o Goberno local e o Executivo estatal, ademais de defender que tería que existir "diálogo social e tamén cos empresarios turísticos".

"Pero nós recibimos esta cuarta feira esta proposta sen diálogo dentro do plan. E tamén vemos que falta ese diálogo co sector turístico e coa cidadanía. Entón, cremos que hai unha deslealdade, en principio institucional, nese sentido", reflexionou. Así mesmo, puxo o foco en que non se aborde unha actividade "moi importante" en Compostela "como é o excursionismo" e a proposta poña só o foco en "gravar a actividade hostaleira, os estabelecementos".

Sobre cando prevé a Xunta dar unha resposta ao Goberno local, apuntou que, de momento, a Administración galega só puido facer unha "análise superficial" e incidiu en que a recibiu "con pouco tempo".

Fontes municipais, con todo, incidiron en que Merelles estaba convidado o acto de presentación desta quinta feira, pero declinou asistir. A Xunta, pola súa oarte, sostén que a convocatoria chegou "con menos de 24 horas de antelación", cando xa tiñan axenda comprometida e fechada. Ademais, apunta que o documento chegou ao mesmo tempo, polo que non dispuñan de "marxe para realizar unha análise técnica".

Masificación

A preguntas dos medios, tras as reflexións sobre o "equilibrio" turístico, no marco dunha presentación do Foro Económico da Galiza, Merelles defendeu que o Plan estratéxico autonómico 2024-2030 aposta pola sustentabilidade na actividade turística, tanto económica como social, como na contorna da natureza.

Subliñou, así mesmo, que a dixitalización favorecerá que o turismo sexa "cada vez máis sostíbel", e defendeu que é preciso que sexa respectuoso na convivencia cos veciños e veciñas. "Creo que agora todas as institucións e asociacións de empresarios estamos no mesmo camiño", esgrimiu.

Ao tempo, aínda que asegurou que a pesar de que si existen "concentracións importantes en determinados puntos e en determinados momentos", na Galiza a xestión do turismo é "totalmente normal" neste momento, salientou.

En todo caso, sinalou que existen "uns graos de estacionalización moi importantes", pero que se avanzou, por exemplo, na "diversificación" dos roteiros do Camiño de Santiago, o que "baixa a presión" na tradicionalmente máis transitada —o Camiño Francés—. "A verdade é que agora mesmo non atopamos ningún grave problema de masificación", resolveu.

Comentarios